Sunday 29 de November de 2026

Carballo dará un novo salto na sustentabilidade da iluminación pública cun investimento de 2,8 millóns


• O pleno deste luns abordará a adxudicación dun contrato de servizos enerxéticos para os próximos 15 anos que situará a Carballo como referente galego na loita contra a contaminación lumínica

• A corporación municipal tamén abordará un investimento de 715.630,76 euros para avanzar na dotación de servizos básicos na costa e o convenio con ECOXEM para a xestión da báscula do polígono industrial

Carballo prepárase para dar un novo salto cualitativo na sustentabilidade da súa iluminación pública. A corporación municipal abordará na sesión ordinaria do pleno deste luns, día 30, a adxudicación do contrato mixto de servizos enerxéticos da iluminación sostible pública, viaria e social do Concello de Carballo á empresa Ferrovial Energía, cunha duración de 15 anos, un importe total de 18.443.449,26 € (1.163.000 euros ao ano) e un investimento previsto de arredor de 2,8 millóns de euros.

O alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro de Innovación e Fondos Europeos, Iván Andrade, deron a coñecer hoxe os principais asuntos da orde do día da sesión plenaria, na que tamén se someterán a aprobación unha nova actuación para ampliar as redes de abastecemento e saneamento na costa e o convenio para a xestión da báscula de pesaxe do polígono industrial.

Moito máis ca unha renovación da iluminación pública
Unha ducia de anos despois da transformación que supuxo a implantación da tecnoloxía LED na iluminación pública de Carballo, o Concello afronta unha nova renovación tecnolóxica que permitirá avanzar tanto na eficiencia enerxética como na calidade da iluminación e na protección do medio ambiente.

«Isto non é un simple cambio de iluminación», salientou Iván Andrade, que incidiu en que o obxectivo é iluminar mellor Carballo, facelo dunha maneira máis segura e sostible e mellorar a calidade de vida da veciñanza.

A actuación abranguerá arredor de 9.000 puntos de luz. Na zona litoral acometerase a renovación integral de preto de 1.600 luminarias, mentres que no resto do municipio se aproveitarán as carcasas que se atopan en bo estado para substituír as placas LED e os compoñentes electrónicos, unha solución que permitirá reducir custos, aproveitar materiais e fomentar a economía circular.
Unha das principais novidades será a redución da temperatura de cor da iluminación pública ata os 2.200 graos Kelvin, ou incluso menos na zona litoral, onde se incorporarán sistemas que permitirán variar a temperatura de cor en función do horario.

A utilización dunha luz de tonalidade máis cálida contribuirá a reducir a contaminación lumínica, seguindo as recomendacións da Fundación Starlight, á que está adherido Carballo, e do Comité Español de Iluminación.

Segundo destacou Iván Andrade, Carballo será o primeiro concello de Galicia en contar coa totalidade da súa iluminación pública cunha temperatura de cor igual ou inferior aos 2.200 graos Kelvin.

En termos de eficiencia enerxética, a evolución experimentada desde o ano 2013, coa incorporación das sucesivas melloras tecnolóxicas, permitirá acadar un aforro acumulado próximo ao 90 % con respecto á situación de partida.

Máis prestacións e novos usos da iluminación
A proposta de adxudicación, que supón unha baixa do 6 % con respecto ao prezo de licitación, permitirá ampliar as prestacións do servizo mantendo un custo anual similar ao actual.

Entre as principais novidades do contrato figuran:
• A incorporación do mantemento dos semáforos.
• A ampliación das actuacións de conservación e mantemento.
• O reforzo da iluminación dos pasos de peóns na zona urbana.
• O incremento nun 30 % dos elementos de iluminación ornamental do Nadal e das festas de San Xoán.
• A mellora da iluminación de espazos públicos e de lecer.
• A incorporación de iluminación específica en parques destinados á poboación adolescente.
• A implantación dun sistema de iluminación RGB na casa do concello, que permitirá iluminar a fachada con diferentes cores con motivo de conmemoracións e campañas de sensibilización.

O investimento será asumido inicialmente pola empresa adxudicataria e amortizado ao longo da vixencia do contrato, un modelo que permite ao Concello acometer unha transformación de gran envergadura sen ter que afrontar de maneira inmediata a totalidade do desembolso económico.

Máis de 715.000 euros para seguir dotando de servizos básicos a costa
Outro dos asuntos destacados da sesión plenaria será a aprobación da segunda fase do POS+ adicional 4/2026 da Deputación da Coruña, que permitirá financiar unha actuación de abastecemento e saneamento nos lugares de Sambade, Salto e Travesas, cun orzamento de 715.630,76 euros.

Trátase dunha nova separata do proxecto global de abastecemento e saneamento da zona costeira de Carballo, redactado pola Xunta de Galicia e que supera os tres millóns de euros de orzamento.

Ante a imposibilidade de asumir de maneira simultánea un investimento desa magnitude, o Concello de Carballo optou por dividir o proxecto en diferentes actuacións para avanzar progresivamente na dotación destes servizos.

O alcalde destacou que, con esta nova intervención, o goberno municipal continúa a cumprir os compromisos adquiridos coa veciñanza nos consellos parroquiais da costa. Entre esta actuación e a primeira separata do proxecto, o investimento impulsado polo Concello achegarase ao millón de euros.

Daniel Pérez incidiu, non obstante, na necesidade de contar coa colaboración da administración autonómica para completar o proxecto. O Concello solicitará a implicación da Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, para poder estender estes servizos básicos ao conxunto da zona costeira.

Un novo servizo para o empresariado do polígono
A corporación municipal abordará tamén a aprobación do convenio entre o Concello de Carballo e ECOXEM, a entidade urbanística de conservación, xestión e modernización do Polígono de Carballo, para a xestión, explotación, conservación e mantemento da báscula de pesaxe instalada no parque empresarial.

A actuación forma parte do esforzo investidor realizado polo Concello nos últimos anos para mellorar as infraestruturas e os servizos do polígono, que esta mesma semana recibiu a marca Q de calidade.

Entre os anos 2021 e 2025, o Concello de Carballo investiu arredor de 1,3 millóns de euros no parque empresarial, aos que se suman outros investimentos recentes por valor duns 250.000 euros.

Daniel Pérez puxo en valor o esforzo realizado desde a administración local para acompañar o dinamismo do empresariado carballés e apoiar as aspiracións de crecemento do polígono industrial.

Outros asuntos
Na parte resolutiva da sesión figura tamén a aprobación da revisión de prezos número 13 do contrato de recollida de lixo, transporte, punto limpo e canceira municipal, unha actualización prevista nas propias condicións do contrato.

O pleno incluirá a declaración institucional con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e o debate dunha moción do grupo municipal socialista en defensa dunha educación inclusiva e para instar á Xunta de Galicia á paralización do proxecto piloto Aulas Senda.

Deja un comentario