Sunday 29 de November de 2026

O Concello abre dilixencias polos incumprimentos no transporte urbano e requírelle á concesionaria que opere todas as frecuencias do servizo


O Concello de Santiago vén de abrir dilixencias previas co obxecto de investigar os incumprimentos detectados na prestación do servizo de transporte urbano, e remitirá un requirimento a TRALUSA para que adopte con carácter inmediato as medidas necesarias para garantir a realización da totalidade das expedicións previstas nas diferentes liñas de autobús. Explicouno o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, que hoxe compareceu en rolda de prensa para dar conta da situación, acompañado polo xerente de Tussa, José Ramón Mosquera.

O concelleiro de Mobilidade explicou que nos últimos días a empresa concesionaria do transporte comunicou “un número anormalmente elevado de avarías que comprometían a prestación do servizo, e diante deses incumprimentos Tussa realizou dúas inspeccións para coñecer o estado actual da frota activa”. A primeira delas realizouse o pasado martes, e comprobouse que nas cocheiras de Amio había 9 autobuses con avarías de longa duración, dous que estaban rotulados segundo os criterios do novo contrato que debe entrar en vigor a mediados de decembro e, polo tanto, non podían ser postos en servizo; e outros catro vehículos adscritos ao servizo non estaban nas cocheiras, nin tampouco cubrindo ningunha liña. A segunda inspección realizouse ás 6.00 desta mañá, e localizáronse dez autobuses con avarías; catro autobuses coa nova rotulación; e outros tres vehículos adscritos ao servizo non estaban nas cocheiras nin tampouco prestando servizo.

Xan Duro informou de que despois da primeira inspección realizada o martes abríronse dilixencias previas para investigar os incumprimentos, expediente que de ser o caso derivará na imposición de penalidades. Despois da inspección desta mañá, remitiráselle un requirimento a TRALUSA para que adopte con carácter inmediato as medidas necesarias para garantir a realización da totalidade das expedicións previstas e o cumprimento dos horarios e frecuencias establecidas para cada unha das liñas do servizo de transporte urbano. Polo tanto, a concesionaria deberá remitirlle ao Concello toda a información ao respecto das expedicións non realizadas, das causas concretas da súa cancelación, dos vehículos dos que dispón efectivamente para prestar o servizo, e das medidas que vai adoptar para garantir o cumprimento da totalidade das expedición previstas.

“A concesionaria do transporte non pode modificar unilateralmente as condicións do servizo”

Xan Duro insistiu en que “a empresa concesionaria do transporte non pode modificar unilateralmente as condicións do servizo, como está a acontecer na práctica”. Ademais, apuntou que “o feito de que a actual concesionaria forme parte da UTE adxudicataria do novo contrato que debe entrar en vigor en decembro, non altera as obrigas que lle corresponden como actual prestadora do servizo, e o feito de que queira preparar a entrada en funcionamento do novo contrato non pode comprometer a prestación do servizo na actualidade”. O concelleiro de Mobilidade aclarou tamén, diante das imaxes que se están a difundir a través das redes sociais, “que non todos os autobuses rotulados que están estacionados en Amio están adscritos ao actual contrato, senón que son vehículos que están preparados para empezar a funcionar co novo contrato a partir do 15 de decembro”. O novo contrato, lembrou Xan Duro, prevé unha frota de 67 autobuses, fronte aos 51 da actual concesión.

O concelleiro de Mobilidade insistiu en que “o Goberno é consciente da situación que atravesa o servizo, e comparte o malestar e o enfado das persoas usuarias, tal e como xa se lle ten trasladado á empresa”. Tamén lle trasladou o seu agradecemento aos conductores e conductoras do transporte urbano “que están sufrindo unha presión engadida e as consecuencias dunha situación que non é responsabilidade deles e delas”.

Deja un comentario