O Concello de Carral é titular dunha parcela municipal de 12.300 m² situada na rúa Industria, no Polígono dos Capelos.
Desde hai aproximadamente un mes estanse realizando movementos de terras e depositando grandes cantidades de escombro procedente dunha finca lindeira, a través dun camiño que se abriu expresamente para trasladar os residuos entre ambas as fincas.
Ante esta situación, Alternativa dos Veciños de Carral solicitou acceso á documentación municipal e puido comprobar que non existe expediente, proxecto, licenza nin informes técnicos ou ambientais. Tampouco se licitou o contrato de acondicionamento da finca nin consta documentación sobre a xestión dos residuos.
No pleno do 26 de novembro, o propio alcalde recoñeceu que os escombros proceden do derrubamento dunha nave da parcela lindeira e que os traballos de traslado de escombro á parcela municipal e de movementos de terras foron encargados a unha empresa mediante un acordo verbal, a dedo, sen licitación.
Desde AV Carral solicitamos por escrito o inicio dun expediente de reposición da legalidade urbanística e tomaranse as medidas oportunas.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.