• O concelleiro Non Adscrito atribúe os recortes de frecuencias e atrasos á “política xestual” do goberno de Sanmartín, a quen acusa de retirar autobuses para pintalos antes do 15 de decembro, chegando a deixar a frota sen ningún vehículo de substitución.
• Muíños lembra que as Non Adscritas xa advertiron desta situación a semana pasada e reclamará no pleno activar servizos de información á cidadanía e comprobar que os 67 buses provisionais cumpren a idade media de 7,9 anos ofertada.
O concelleiro Non Adscrito Gonzalo Muíños rexeitou este venres as explicacións do goberno de Goretti Sanmartín sobre os atrasos e a supresión de frecuencias no transporte urbano, despois de que o executivo local atribuíse a situación a “varias avarías”. Para Muíños, a realidade vén de confirmar o que as concelleiras Non Adscritas xa denunciaran a semana pasada: a falta de planificación e control na remuda do servizo está a prexudicar directamente o día a día da veciñanza.
“Xa o advertimos a semana pasada e, lonxe de corrixirse, a realidade vólvenos dar a razón. Que o Goberno de Goretti Sanmartín tente xustificar agora os atrasos e a supresión de frecuencias -en liñas coma a 5, a 6 ou a lanzadeira ao aeroporto- falando de ‘varias avarías’ non se sostén”, afirmou Muíños. O edil sinalou que, aínda que as avarías poidan producirse, “para iso están os vehículos de substitución”, denunciando que estes desapareceron do servizo: “Sabemos que esta mesma fin de semana non houbo nin un só bus de reserva dispoñible”.
Segundo o concelleiro Non Adscrito, a verdadeira causa detrás da falta de autobuses responde á “política xestual” do executivo de Sanmartín para preparar a nova imaxe corporativa do servizo antes da súa entrada en vigor o 15 de decembro. “Están a retirar autobuses do servizo diario para levalos a pintar coas novas cores, chegando ao extremo de deixar traballadores nas cocheiras sen poder facer as súas rutas. Iso é inadmisible: non se pode empeorar o transporte diario da veciñanza para preparar a foto do novo contrato”, criticou.
Incerteza nas familias a menos de tres semanas do 15 de decembro
Muíños alertou ademais de que, a menos de vinte días de que arranque o novo servizo, persiste unha falta absoluta de información que afecta tanto ao cadro de persoal coma ás persoas usuarias, que descoñecen aínda con claridade as novas liñas, frecuencias e tarifas. O edil puxo o foco na confusión que esta situación xera nas familias que empregan o transporte escolar a diario, ás portas das vacacións de Nadal.
“Nin os traballadores nin as familias teñen información clara”, sinalou. Aínda que recoñeceu e felicitou que se lograse sacar adiante a licitación e adxudicación do novo contrato, Muíños lamentou que “a maneira na que están a xestionar esta transición é pura improvisación”.
Tres esixencias ao vindeiro pleno municipal
Ante desta situación, o concelleiro Non Adscrito anunciou que defenderá no próximo pleno municipal unha proposición con tres acordos concretos para corrixir o rumbo antes da posta en marcha do servizo.
En primeiro lugar, a iniciativa reclama activar de inmediato todo o despregamento informativo que xa contemplan os propios pregos do contrato: unha campaña publicitaria inicial valorada en 35.000 euros, a edición e reparto de 10.000 planos da rede e horarios de peto, a actualización da información en paradas, web e aplicación móbil e a apertura dunha oficina de atención ao público no centro da cidade. A maiores, propón estudar a incorporación de persoal informador a pé de rúa nas paradas de maior afluencia para facilitar a adaptación da cidadanía, especialmente das persoas maiores.
En segundo lugar, esixe explicacións inmediatas polos recortes de frecuencias e a adopción de medidas de control que garantan que os traballos de pintado ou adaptación estética non supoñan a retirada de vehículos nin a redución de expedicións no servizo diario.
Finalmente, a proposición reclama total transparencia sobre os 67 autobuses da frota de transición que operarán durante o primeiro ano. As Non Adscritas piden que se remita á Corporación o expediente completo -incluíndo matrículas, datas de primeira matriculación e informes da inspección técnica municipal- para verificar que o conxunto dos vehículos cumpre estritamente coa antigüidade media de 7,9 anos pola que a empresa adxudicataria obtivo puntuación no concurso.
“Un contrato que vai durar 13 anos non pode arrincar con atrasos, opacidade e dúbidas sobre o estado real da frota”, concluíu Gonzalo Muíños.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.