Sunday 29 de November de 2026

O BNG denuncia novos desprendementos no sendeiro da costa e acusa ao goberno local de seguir sen actuar malia as reiteradas advertencias


A caída de novas árbores e os corrementos de terran están a comprometer o estado do itinerario e poden poñer en risco ás persoas usuarias

A formación nacionalista xa trasladou esta situación ao Concello e reclama unha inspección urxente e a adopción de medidas para garantir a seguridade

O BNG de Cabanas denuncia a aparición de novos desprendementos no sendeiro da costa, onde se produciron novas caídas de árbores e corrementos de terra que están a comprometer o estado do camiño e a seguridade das persoas que o utilizan.

A formación nacionalista leva tempo advertindo do deterioro deste itinerario e da necesidade de que o Concello interveña para evitar que a situación vaia a máis. Porén, malia as denuncias e os avisos trasladados en anteriores ocasións, o goberno municipal continúa sen dar unha resposta efectiva nin impulsar as actuacións necesarias.

“Levamos moito tempo advertindo de que o sendeiro necesita atención e de que existen puntos nos que a situación pode acabar sendo perigosa. Agora volvemos atoparnos con novas árbores caídas e desprendementos de terra, mentres o goberno local segue sen facer absolutamente nada”, sinalou o portavoz municipal do BNG, Iago Varela.

Para a formación nacionalista, non abonda con agardar a que se produzan novos incidentes nin con actuar cando o problema xa é evidente. É necesario anticiparse, revisar o estado do percorrido e intervir nos puntos máis afectados, especialmente cando está en xogo a seguridade das persoas.

Por este motivo, o BNG vén de presentar un escrito no Concello no que insta o goberno local a realizar unha inspección urxente de todo o sendeiro, identificar os tramos afectados, retirar as árbores e os materiais desprendidos e comprobar a estabilidade dos terreos. Así mesmo, reclama que se adopten as medidas preventivas necesarias, incluíndo a sinalización ou o peche temporal daqueles puntos nos que non se poida garantir o tránsito seguro.

“O que non pode facer o goberno municipal é mirar para outro lado mentres o sendeiro continúa deteriorándose. A veciñanza merece unha resposta e, sobre todo, merece que se actúe antes de que teñamos que lamentar consecuencias maiores”, conclúe Varela.

Deja un comentario