Thursday 26 de November de 2026

O Craega achega os produtos ecolóxicos do mar e da terra ao público cunha nova experiencia divulgativa no porto da Coruña


• A iniciativa combinou divulgación e gastronomía para dar a coñecer a produción ecolóxica certificada de Galicia. A actividade contou cun veleiro como elemento central e cunha degustación de produtos ecolóxicos mariños e terrestres.

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) celebrou este xoves 26 de novembro no Paseo do Parrote, no porto da Coruña, a presentación do programa “Do Mar á Terra, produto ecolóxico”, co que busca achegar á cidadanía os produtos ecolóxicos procedentes do mar galego, promover o seu consumo e dar a coñecer o sistema de certificación que garante a súa produción. Ante a proximidade do Nadal, a iniciativa busca tamén incentivar o consumo de produtos ecolóxicos certificados, tanto do mar como da terra, e animar a cidadanía a incorporalos aos menús dos xantares e ceas destas festas.

A xornada desenvolveuse baixo o concepto “Do Mar á Terra, produto ecolóxico”, unha proposta que reuniu divulgación e gastronomía nun espazo directamente vinculado ao sector marítimo. A iniciativa tivo como elemento principal un veleiro situado no porto, acompañado dunha zona en terra na que se ofreceu unha degustación de aperitivos elaborados con produtos ecolóxicos galegos.

Entre os alimentos protagonistas atopáronse os mexillóns, as algas, o xamón, o porco celta, o queixo, o mel e as castañas, entre outros. Os asistentes puideron degustar propostas como croquetas de xamón con emulsión de allo asado; minisándwiches de queixo con tomate confitado, mel e pesto; berenxena asada con salsa romesco; mexillóns en escabeche con galletas mariñeiras e po de algas; fajitas de porco celta; empanada de mexillóns e algas ou panceta a baixa temperatura con castañas, ademais de elaboracións doces como a torta de queixo e a bica galega. A gastronomía serviu así como ferramenta para dar a coñecer a diversidade da produción ecolóxica galega e achegar ao consumidor o valor destes alimentos.

Ademais da experiencia gastronómica, durante a actividade púxose o foco no significado da certificación ecolóxica, nos requisitos que deben cumprir os produtores e nos controis que se realizan para garantir o cumprimento da normativa. Neste ámbito, o Craega desempeña un papel fundamental como organismo encargado do control e da certificación da produción ecolóxica en Galicia.

O encontro contou coa participación de Marta Villaverde, conselleira do Mar; Francisco López Valladares, presidente do Craega; Martín Fernández Prado, presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, e Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica. Á actividade tamén asistiron outras autoridades e representantes do sector ecolóxico.
Unha experiencia piloto con vistas a outros portos galegos

Esta actividade dá continuidade ao traballo desenvolvido a través de Ecolóxicos a Mares, unha campaña impulsada polo Craega e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia co obxectivo de promover o coñecemento, o consumo e a comercialización dos produtos ecolóxicos do mar galego.

Nas súas anteriores edicións, a iniciativa percorreu diferentes localidades galegas mediante unha gastroneta e achegouse tamén aos campus universitarios, onde o público puido coñecer e degustar produtos certificados.

Coa experiencia celebrada na Coruña, o proxecto estrea un formato que leva a divulgación directamente aos portos e establece unha conexión entre o mar, a produción ecolóxica e a gastronomía. Trátase dunha experiencia piloto coa que se pretende explorar novas vías para achegar estes produtos aos consumidores, coa intención de repetir a iniciativa noutros portos de Galicia ao longo de 2027.
Deste xeito, o Craega continúa traballando para dar visibilidade aos produtores ecolóxicos galegos e facilitar que os consumidores coñezan non só os produtos, senón tamén o sistema de produción, control e certificación que existe detrás do selo ecolóxico.

Deja un comentario