Thursday 26 de November de 2026

O BNG da Laracha denuncia que o goberno do PP nunca remitiu ao Consello de Contas a información obrigatoria sobre contratos e convenios municipais Carolina Castiñeiras esixe explicacións ao alcalde ante o reiterado incumprimento das obrigas legais de transparencia e rendición de contas


O BNG da Laracha denuncia o grave e reiterado incumprimento por parte do goberno municipal do PP das súas obrigas legais de remisión de información ao Consello de Contas de Galicia en materia de contratación pública e convenios.

Así o acredita o propio órgano fiscalizador en dúas comunicacións remitidas ao Concello, con data do 2 de novembro de 2026, nas que constata que a administración municipal nunca remitiu esta información desde que é legalmente esixible, malia os requirimentos efectuados ano tras ano.
«Non estamos diante dun esquecemento puntual nin dun simple atraso administrativo, e moito menos dun erro informático como dixo hoxe o alcalde no Pleno,senón dun incumprimento sistemático das obrigas legais durante anos. É dunha enorme gravidade que o goberno municipal desatenda reiteradamente os requirimentos do organismo encargado de fiscalizar a súa xestión e por riba culpe ó funcionariado », sinala Carolina Castiñeiras, portavoz municipal do BNG e candidata á Alcaldía daLaracha.

O Consello de Contas constata o incumprimento da Lei de Contratos do Sector Público, da Lei de Réxime Xurídico do Sector Público e do deber de colaboración co propio organismo fiscalizador, advertindo de que esta situación dificulta o exercicio das súas funcións de control externo.

Ademais, require a regularización inmediata da situación e advirte de que o Concello da Laracha figurará na relación pública de entidades incumpridoras, que será comunicada ao Parlamento de Galicia, á Xunta, á Deputación da Coruña e á Federación Galega de Municipios e Provincias.
«A transparencia é unha obriga legal e un dereito da veciñanza. Quen administra recursos públicos ten a obriga de render contas sobre como os xestiona», afirma Castiñeiras.

Desde o BNG da Laracha esixen ao alcalde explicacións públicas sobre os motivos destes incumprimentos, a asunción das responsabilidades políticas que correspondan e a inmediata remisión de toda a documentación pendente, ao tempo que lle afea que esta infomración fose reitida no día de hoxe, sen tempo para examinar a documentación antes da celebración do Pleno extraordinario no que se deu conta por imperativo legal, tentando así que un asunto tan grave pasase desapercivido. «A Laracha merece un goberno transparente, responsable e respectuoso cos mecanismos de control da xestión pública. O cumprimento da legalidade non pode depender da vontade de quen goberna», conclúe a portavoz nacionalista.

Deja un comentario