Thursday 26 de November de 2026

O Campionato Galego de Distancias Curtas de Salvamento e Socorrismo reunirá este sábado en Carballo máis de 150 deportistas


Carballo converterase este sábado, 28 de novembro, no punto de encontro do salvamento e socorrismo galego coa celebración do VI Campionato Galego de Distancias Curtas, que coincide coa trixésima edición do Memorial Carlos Servando. Un total de 155 deportistas participarán na competición.

Na presentación do campionato, celebrada hoxe na casa do concello, participaron a presidenta da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (Fessga), Nuria Rodríguez; o alcalde, Daniel Pérez, o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, e representantes do Sysca, que exercerá unha vez máis como club anfitrión dunha competición autonómica.

Un dos principais atractivos desta edición é a proximidade do Campionato de España, que se disputará en decembro. A cita carballesa servirá de preparación para a competición estatal, unha circunstancia que favorece a participación das principais figuras do salvamento e socorrismo galego. Como se apuntou na presentación, este sábado baterase un récord de participación, porque o campionato de Carballo “serve como preparación” para o estatal. “Todos os deportistas que van ao campionato de España estarán aquí, e tamén outros que non van ao campionato de España pero que lles parece unha cita atractiva”, indicaron desde a organización.

A competición desenvolverase na piscina municipal Carballo Calero durante toda a xornada, con sesións de mañá e de tarde. O quecemento comezará ás 9.00 horas e as primeiras probas disputaranse a partir das 10.30 horas. A entrega de trofeos, a última hora da tarde, porá o broche final á xornada deportiva.

O Memorial Carlos Servando alcanza este ano a súa trixésima edición, un aniversario que pon de manifesto tanto a tradición do salvamento e socorrismo en Carballo como a capacidade organizativa do Sysca, un club de referencia nesta modalidade deportiva.

O campionato conta coa colaboración do Concello de Carballo, doutras institucións e de numerosas entidades e empresas.

Deja un comentario