A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín Rei, e membros da Corporación recibiron a Félix Juncal esta mañá no Pazo de Raxoi, como mostra de agradecemento polo labor realizado o pasado verán en Mozambique, a onde se desprazou grazas ao programa ‘Especialistas en cooperar’, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, organización que estivo representada por Andrea García.
A rexedora deu as grazas a Félix Juncal pola súa participación no programa e lembrou a importancia de poñer “os nosos coñecementos ao servizo dos demais”. Tamén agradeceu ao Fondo o traballo desenvolvido dende hai máis de 20 anos no ámbito da cooperación. María Rozas, vogal do Concello no Fondo e concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, amosou a súa satisfacción polo feito de que “nun momento no que a sociedade mira menos cara ao sur, que o Concello vaia a contracorrente e faga gala de solidariedade é un motivo de orgullo”.
Félix Juncal, xefe de equipo no Servizo de Bombeiros do Concello de Santiago de Compostela, colaborou durante case un mes, do 16 de agosto ao 12 de setembro, cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a través do programa Especialistas en Cooperar, xunto con outros dous traballadores dos concellos de Lousame e Trazo. A través da asociación Casa do Gaiato encargouse de sensibilizar tanto os nenos deste centro de acollida como o alumnado das súas escolas e outras persoas das aldeas lindeiras na prevención, protección e resposta ante emerxencias. “Agardo ter contribuído a facer pequenos cambios que lles axuden a afrontar os riscos”, indicou.
Cooperación técnica
Andrea García, en representación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, agradeceu ao Concello a colaboración no desenvolvemento dos seus programas. Con Félix Juncal xa son dous os técnicos municipais que decidiron sumarse á cooperación a través do Fondo.
A cooperación técnica é unha das ferramentas máis potentes e distintivas da cooperación internacional ao desenvolvemento impulsada polos gobernos locais, pois supón aproveitar o know how dos municipios para reforzar as capacidades das administracións públicas e asociacións das sociedades máis desfavorecidas, facilitando respostas profesionais e formación adecuada ás súas necesidades. Ese é precisamente o principal obxectivo de Especialistas en Cooperar, que tamén favorece o intercambio de experiencias e un maior coñecemento da realidade dos países que o Fondo Galego está a apoiar.
A través de Especialistas en Cooperar e mais do anterior programa de voluntariado internacional para persoal municipal, Vacacións con Traballo, desde o ano 2005 un total de 55 empregadas e empregados da administración local teñen colaborado cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Nicaragua, Cuba, Perú, Mozambique e Cabo Verde, contribuíndo así á mellora da calidade de vida da poboación e xerando fluxos de coñecemento compartido. A reconfiguración do programa, que se retomou en 2022 tras ficar suspendido por mor da Covid-19, busca potenciar a súa dimensión de cooperación técnica no marco da Axenda 2030 e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 121 concellos e as catro deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 29 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.