O Concello de Carballo inviste 254.370 euros na renovación de catro pasarelas peonís, unha actuación que permitirá mellorar a seguridade e recuperar a continuidade dos itinerarios a ambas as marxes do río
As novas pontes de madeira do paseo fluvial do Anllóns empezan a ocupar o lugar das antigas. Tras os traballos de desmontaxe das estruturas que se iniciaron semanas atrás, a empresa adxudicataria, Jardinería Arce, está a proceder á colocación das novas pasarelas.
Os traballos de instalación, que requiren o emprego de guindastres de grandes dimensións, permiten apreciar xa o resultado dunha actuación coa que o Concello de Carballo pretende mellorar as condicións de uso e de seguridade dun dos espazos públicos máis frecuentados pola veciñanza.
O alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro de Obras, Luis Lamas, achegáronse ata o río para ver a evolución das obras, que estarán rematadas a curto prazo. Tres das catro pontes xa están colocadas e a cuarta, a situada na zona da antiga captación, tamén se instalará nos vindeiros días. Unha vez finalizados os traballos e habilitados os accesos, as pontes abriranse ao tránsito.
O proxecto de renovación das catro pasarelas peonís supón un investimento municipal de 254.370 euros e permitirá recuperar as conexións entre ambas as marxes do río, garantindo a continuidade dos percorridos peonís.
Coa substitución das pontes, o Concello de Carballo dá un novo paso na mellora e conservación do paseo fluvial do Anllóns, un dos principais espazos de lecer, encontro e contacto coa natureza do núcleo urbano.
Ata que rematen os traballos e as novas infraestruturas estean en condicións de uso, é necesario respectar a sinalización e as restricións de acceso ás zonas de obra.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.