A campaña municipal para reactivar o sector repartirá 15.000 euros en bonos de compra, 72 agasallos achegados polos negocios participantes e sorteará tres experiencias entre as tarxetas non premiadas.
A cuarta edición de ‘Agasalla comercio local, ten premio’, a campaña de promoción económica impulsada polo Concello para dinamizar o comercio e os servizos locais durante o Nadal e as datas previas ás Festas, contará coa participación de 41 establecementos do municipio, unha ampla resposta que permitirá ofrecer á clientela múltiples opcións para realizar as súas compras e participar na iniciativa.
Unha vez rematado o prazo de adhesión, o Concello está a instalar nos negocios participantes os elementos decorativos e identificativos da campaña para que a veciñanza poida recoñecer facilmente os locais adheridos e saber onde realizar as súas compras para recibir as tarxetas rasca e gaña.
A campaña desenvolverase do 5 de decembro ao 5 de xaneiro. Por cada compra igual ou superior a 10 euros nos establecementos participantes, os clientes recibirán unha destas tarxetas nas que poderán obter premios directos. En total, repartiranse 1.500 bonos de 10 euros, que suman 15.000 euros para descontar nas compras nos negocios adheridos. A esta dotación económica engádense 72 agasallos achegados polos propios establecementos, que tamén se distribuirán a través das tarxetas.
Ademais, as tarxetas que non conteñan ningún destes premios directos terán unha segunda oportunidade, xa que poderán participar no sorteo de tres experiencias: unha cultural, outra turística e unha terceira gastronómica.
Toda a información sobre o funcionamento da campaña e a relación actualizada dos 41 establecementos participantes pode consultarse na web específica do programa nadal.alaracha.gal.
Con esta iniciativa, o Concello busca incentivar as compras de Nadal no comercio de proximidade e nos negocios de servizos, favorecendo que o gasto destas datas repercuta directamente na economía local e contribuíndo a fortalecer o tecido empresarial e a creación de emprego no municipio.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.