Wednesday 25 de November de 2026

O contacontos “A vida na Selva” achegará a maxia dos títeres e a narración oral ao Museo dos Muíños de Golmar


Este venres ás 18:00 horas. O espectáculo de Trinketrinke Teatro vai dirixido ao público infantil e familiar.

O Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar acollerá este venres (27 de novembro) o espectáculo infantil ‘A vida na selva’, da compañía Trinketrinke Teatro. A sesión comezará ás 18:00 horas e estará dirixida ao público infantil (3 a 8 anos de idade) e familiar. A entrada será libre e gratuíta.

A través da narración oral, os monicreques e o teatro, os asistentes poderán acompañar a Fuco, un dos ratos de Lonxedetodo, nas aventuras que viviu durante unha temporada na selva. Ao seu regreso, o protagonista compartirá as súas experiencias e presentará os diferentes animais que coñeceu nese singular destino.

O espectáculo combina diversión e aprendizaxe para achegar os máis pequenos ao mundo dos libros e espertar a súa curiosidade pola lectura. Ao mesmo tempo, transmite valores como o respecto polos animais e a natureza, invitando a descubrir e valorar a riqueza do medio natural.

Esta será a última das tres sesións de contacontos programadas polo Concello no Museo dos Muíños de Golmar. A iniciativa busca ofrecer aos nenos propostas de lecer educativo nun espazo diferente, ao tempo que lles permite achegarse ao museo, coñecer o seu contorno e descubrir o patrimonio cultural, etnográfico e natural do municipio.

Deja un comentario