• A entidade participou nas convocatorias municipais dos concellos de Ribeira, Boiro e Porto do Son para visibilizar a loita contra a violencia machista.
• As persoas usuarias do Centro de Día e do Centro Ocupacional traballaron na igualdade, o empoderamento e a seguridade nas redes sociais a través de dinámicas participativas.
Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller Ambar desenvolveu unha ampla axenda de actividades na comarca do Barbanza co obxectivo de sensibilizar á cidadanía, previr as violencias machistas e reivindicar unha sociedade igualitaria e libre de agresións.
Por unha banda, representantes e persoas usuarias da entidade estiveron presentes nas distintas mobilizacións institucionais organizadas polos concellos da comarca:
• Ribeira: Participación activa na lectura do manifesto institucional convocado polo Concello de Ribeira.
• Boiro: Adhesión á concentración impulsada polo Centro de Información á Muller (CIM) e o Concello de Boiro baixo o lema «25N · Un momento en movemento».
• Porto do Son: Asistencia á lectura do manifesto e ao reparto simbólico de paraugas organizado polo Concello de Porto do Son baixo o lema «Todos/as baixo o mesmo paraugas».
Concienciación e prevención dende o Centro de Recursos
De xeito paralelo ós actos na rúa, o Centro de Recursos acolleu diferentes obradoiros internos de sensibilización e prevención adaptados aos distintos grupos de traballo:
• Centro de Día: As persoas usuarias reflexionaron sobre as chaves para construír relacións sans, baseadas no respecto mutuo e na igualdade. Como peche da sesión, elaboraron a «Árbore dos Compromisos 25N», unha peza colectiva na que cada participante coloreou e pendurou nas pólas o seu compromiso persoal contra a violencia de xénero. Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional
• Centro Ocupacional: O traballo estruturouse en dous eixos fundamentais:
1. Seguridade dixital («Internet non é un lugar para aproveitarse»): Mediante a análise de casos prácticos simulados en redes sociais e aplicacións de mensaxería como WhatsApp, traballouse na identificación de situacións de abuso dixital, o establecemento de límites persoais e o coñecemento das canles ás que acudir para pedir axuda.
2. Empoderamento («As mulleres temos voz e dereitos»): Un espazo de reflexión centrado en erradicar a culpabilización das vítimas e recoñecer os dereitos das mulleres que sofren violencia. A actividade culminou coa creación dun mural colaborativo que recolle lemas reivindicativos como «A miña voz importa».
Con esta programación, Ambar reafirma o seu compromiso diario coa igualdade real e a inclusión, convencida de que a educación e a participación activa son ferramentas imprescindibles para construír un futuro libre de violencias machistas.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.