Wednesday 25 de November de 2026

O Concello convoca á veciñanza da rúa Compostela para informar das xestións realizadas ante a paralización das obras


A reunión terá lugar este venres 27 de novembro, ás 18.00 horas, na Escola de Arrabaldes

O Concello de Carballo convoca á veciñanza da rúa Compostela a unha reunión informativa que terá lugar este venres 27 de novembro, ás 18.00 horas, na Escola de Arrabaldes, coa finalidade de dar conta das xestións realizadas polo goberno municipal ante a Deputación da Coruña a raíz da paralización das obras de reurbanización integral da vía, así como de escoitar as preocupacións e demandas das persoas afectadas.

Os traballos, promovidos pola Deputación da Coruña, titular da estrada, comezaron no mes de maio e levan arredor de dous meses paralizados por cuestións de carácter técnico, unha situación que está a ocasionar importantes molestias tanto á veciñanza como aos establecementos comerciais da zona, ademais de afectar á mobilidade nunha das principais vías de acceso ao núcleo urbano de Carballo.

Precisamente pola preocupación que suscita a prolongación desta situación, o alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro de Contratación mantiveron o pasado mércores 18 de novembro unha reunión coa deputada provincial de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, para coñecer as causas da paralización dos traballos e as previsións para a súa continuidade. No encontro deste venres daráselle conta á veciñanza da información facilitada pola administración provincial.

Malia tratarse dunha obra de competencia provincial, tanto pola titularidade da vía como pola contratación e execución dos traballos, o goberno municipal está a realizar un seguimento da actuación desde o primeiro momento, consciente da súa importancia e dos trastornos que está a ocasionar a prolongación das obras.

A convocatoria deste venres responde á vontade do Concello de manter unha comunicación directa coa veciñanza, compartir a información dispoñible e servir de interlocutor ante a Deputación da Coruña para trasladarlle as demandas das persoas afectadas.

Cómpre lembrar que o proxecto de reurbanización integral da rúa Compostela, cun orzamento inicial de licitación de 211.266,61 euros, abrangue o treito comprendido entre a rotonda da Milagrosa e o cruzamento coas rúas Emilio González López e José María Castroviejo. A actuación inclúe a renovación das redes de servizos urbanos, a ampliación das beirarrúas, a mellora da accesibilidade, a creación de zonas verdes e a renovación integral da calzada.

O Concello de Carballo continuará a realizar un seguimento das obras e a manter o contacto coa Deputación da Coruña coa finalidade de que os traballos poidan retomarse canto antes.

Deja un comentario