A programación reuniu na Casa do Concello ás Mulleres do Gancho e o obradoiro Indira
As actividades comezaron na véspera con “A cara B das violencias machistas” e esténdese ao IES de Fene a través de “Sementes de cambio”
O Concello de Fene conmemorou hoxe o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres cunha programación centrada na sensibilización, a prevención e a educación en igualdade, e coa Casa do Concello como escenario durante a mañá de diferentes actividades, que culminaron coa lectura do manifesto institucional do 25N.
A xornada iniciouse coa recepción das Mulleres do Gancho, que un ano máis se sumaron á conmemoración elaborando colectivamente unha nova peza téxtil vinculada á reivindicación do 25N. Trátase dun mural adicado ás irmáns Mirabal (Patria, Minerva e María Teresa), integrantes do Movemento Revolucionario do 14 de Xuño.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, agradeceu a implicación do colectivo e destacou “a capacidade deste tipo de iniciativas para trasladar ao espazo público unha mensaxe de rexeitamento das violencias contra as mulleres desde a participación e o traballo colectivo”.
“Cada 25N temos que lembrar as mulleres asasinadas e todas aquelas que sofren ou sufriron violencia, pero tamén insistir en que existen moitas formas de violencia machista e que algunhas delas poden permanecer ocultas ou mesmo normalizadas. Identificalas é tamén unha parte imprescindible da prevención”, sinalou a alcaldesa.
Unha mañá dedicada á sensibilización
Tras a recepción das Mulleres do Gancho, a actividade continuou coa celebración do obradoiro Indira, dentro da programación municipal de sensibilización arredor do 25N.
Os actos remataron coa lectura do manifesto institucional, un acto co que o Concello de Fene expresou publicamente o rexeitamento das diferentes formas de violencia exercidas contra as mulleres.
Sandra Permuy incidiu en que “a violencia machista non é unha cuestión privada nin afecta unicamente ás mulleres que a sofren directamente. É unha realidade social que vulnera dereitos e liberdades e que require prevención, recursos, educación e unha resposta colectiva”.
A alcaldesa apuntou tamén á necesidade de manter esta mensaxe máis alá da propia conmemoración. “O 25 de novembro permítenos facer especialmente visible esta realidade, pero o traballo contra as violencias machistas non pode limitarse a unha data concreta. A sensibilización, a educación en igualdade e o apoio ás mulleres teñen que estar presentes durante todo o ano”, afirmou.
Unha programación iniciada na véspera
As actividades municipais arredor do 25N comezaron xa na tarde de onte coa celebración no Salón de Plenos da Casa do Concello do obradoiro “A Cara B das Violencias Machistas”, unha proposta centrada nas expresións das violencias machistas que poden resultar menos evidentes, favorecendo a reflexión sobre comportamentos, dinámicas e desigualdades que poden estar normalizados e que é necesario aprender a identificar.
Esta perspectiva enlaza coa vontade de abordar a prevención desde diferentes ámbitos e non limitar a campaña ás manifestacións máis visibles ou extremas da violencia.
“É importante falar das expresións máis graves da violencia machista, pero tamén de todo aquilo que pode precedelas ou sostelas: o control, a desigualdade, determinadas formas de relacionarnos ou comportamentos que ás veces se asumen como normais. A prevención pasa tamén por saber recoñecelos”, explicou Sandra Permuy.
O 25N chega tamén á mocidade
A programación deste ano amplía ademais o seu ámbito máis alá da Casa do Concello e chega ao IES de Fene a través do obradoiro “Sementes de cambio”, centrado no traballo de sensibilización e prevención coa mocidade.
A iniciativa busca ofrecer ás novas xeracións ferramentas para reflexionar sobre as relacións persoais, identificar comportamentos de control ou desigualdade e promover modelos baseados no respecto e na igualdade.
Para Sandra Permuy, esta vertente educativa é “unha das partes fundamentais do traballo preventivo”. “Se queremos avanzar na eliminación das violencias machistas, é imprescindible traballar tamén coas xeracións máis novas, creando espazos nos que poidan cuestionar comportamentos normalizados e reflexionar sobre como construír relacións igualitarias e respectuosas”, sinalou.
Un traballo que continúa durante todo o ano
A programación do 25N insírese na traxectoria de Fene en materia de igualdade e prevención das violencias machistas, con accións que ao longo do ano combinan sensibilización social, educación, participación e colaboración con diferentes colectivos.
“Como Concello temos a responsabilidade de contribuír á prevención, facilitar información e recursos e promover unha sociedade na que as mulleres poidan vivir con liberdade e sen violencia. Esa responsabilidade non comeza nin remata o 25 de novembro”, concluíu Sandra Permuy.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.