Tuesday 24 de November de 2026

Nunca máis soas, nunca máis en silencio: «O canto das Cecilias» chega este 25N ao Obradoiro


A acción artística promovida pola cineasta chilena Cecilia Barriga convida as mulleres a unir as súas voces para combater a violencia, romper o silencio e reivindicar o acompañamento colectivo e está aberta á participación de todas as mulleres, sen necesidade de experiencia musical previa. A convocatoria para as participantes será ás 12.00 horas na praza do Obradoiro, á que se incorporará posteriormente a comitiva do acto institucional do 25N, encabezada pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

A praza do Obradoiro acollerá mañá, mércores 25 de novembro, coincidindo co Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha nova activación de O canto das Cecilias, o proxecto artístico de carácter colectivo impulsado pola cineasta e videoartista chilena Cecilia Barriga que procura converter as voces das mulleres nun clamor común contra as violencias machistas.

A iniciativa, que se desenvolveu ao longo dos últimos días no Auditorio de Galicia no marco da exposición Facer aparecer. Ensaios colectivos dun nosoutras, culminará cunha intervención no espazo público da man de Grita Galega, Canta, o colectivo de activación temporal constituído en Compostela arredor deste proxecto.

A convocatoria para as mulleres que queiran participar na acción está fixada para as 12.00 horas na praza do Obradoiro, co fin de preparar a intervención colectiva. Entre as 12.30 e as 12.45 horas está prevista a incorporación das persoas participantes no acto institucional do 25N que terá lugar no Salón Nobre do Pazo de Raxoi, entre elas a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

Cantar para romper o silencio

O canto das Cecilias naceu en Roma, onde Cecilia Barriga reuniu 42 mulleres chamadas Cecilia para repensar os referentes de sacrificio e martirio asociados á figura da patroa da música. A partir do canto tradicional italiano La povera Cecilia, as participantes construíron unha nova letra vinculada ás experiencias de violencia que atravesan as vidas das mulleres.

Tras o seu paso por Madrid, Brasil, Francia e Corcubión, o proxecto chega a Santiago cunha versión en galego adaptada pola poeta Lucía Aldao e enriquecida coas achegas das mulleres participantes nos encontros e ensaios desenvolvidos estes días no Auditorio de Galicia.

A proposta está aberta a todas as mulleres e non require coñecementos musicais nin experiencia artística previa. Máis alá do resultado sonoro ou estético, a iniciativa reivindica o canto como ferramenta de expresión, resistencia e acompañamento colectivo fronte ás violencias machistas.

Da creación artística á acción colectiva

Ao longo dos últimos días, o Auditorio de Galicia converteuse nun espazo de encontro, escoita e experimentación arredor da voz. A través de diferentes sesións de traballo, as participantes foron facendo seu o canto, incorporando as súas propias sensibilidades e experiencias a unha composición que se transforma e medra con cada nova comunidade que a interpreta.

O proxecto de Cecilia Barriga explora a capacidade das prácticas artísticas para xerar vínculos, activar procesos de reflexión compartida e abrir novas formas de participación social. Neste caso, a voz e o canto convértense en instrumentos para cuestionar os relatos que historicamente situaron as mulleres no silencio e na resignación, reivindicando a súa capacidade de resposta colectiva.

Unha intervención no corazón da cidade

A elección da praza do Obradoiro como escenario da acción, nunha data especialmente significativa como o 25N, permite trasladar ao espazo público o proceso creativo desenvolvido no Auditorio de Galicia e incorporar a práctica artística ás mobilizacións contra as violencias machistas.

A intervención exemplifica, ademais, unha das liñas de traballo da exposición Facer aparecer. Ensaios colectivos dun nosoutras: entender a creación contemporánea como unha práctica aberta á participación cidadá, capaz de transcender os límites do espazo expositivo e de establecer un diálogo directo coa sociedade.

Comisariada por María Bella, a mostra poderá visitarse no Auditorio de Galicia ata o 7 de febreiro de 2027.

Deja un comentario