Tuesday 24 de November de 2026

Neda súmase á campaña “De fronte” con recunchos informativos na biblioteca sobre a explotación sexual das mulleres


O Concello de Neda súmase un ano máis á campaña De fronte, promovida pola Deputación da Coruña co gallo do Día internacional pola eliminación da violencia cara ás mulleres. E neste marco, a biblioteca municipal de Neda replica nas súas instalacións os recunchos temáticos propostos na iniciativa, destinados a que a veciñanza reflexione sobre a prostitución, a explotación sexual e as desigualdades sociais, económicas e culturais que o sosteñen.
A campaña propón cambiar o foco, deixando de estigmatizar ás mulleres que exercen a prostitución para cuestionar a responsabilidade dos homes que pagan por sexo, a normalización da demanda, e os mecanismos que permiten converter os corpos das mulleres en mercadoría. Ademais, nos espazos informativos abórdase o papel da pornografía e os modelos de sexualidade que reproducen relacións de desigualdade e dominación.
En paralelo, o Concello reparte dende hoxe repartirase o material promocional da campaña, composto por portatarxetas, cintas para colgar ao pescozo (lanyards) e protectores de cámara web, na casa consistorial, na biblioteca e no centro cívico. Trátase de elementos de uso cotián que contribúen a dar visibilidade á campaña e a manter presente a importancia da prevención da violencia machista, tamén nas contornas dixitais.
Cambios polo previsión de chuvia
A iniciativa inscríbese no marco da programación especial, deseñada polo Concello de Neda para conmemorar o 25N. Esta oferta de actividades verase alterada este mércores, a causa da meteoroloxía. Así, ante a previsión de chuvias, a administración local cancela a “Marcha polo bo trato” que protagoniza cada ano o alumnado dos centros educativos públicos. Manterá, iso si, na casa da Cultura, o “Encontro escolar polo bo trato”, coas intervencións fronte á violencia de xénero que preparou a rapazada nas aulas.

Deja un comentario