Tuesday 24 de November de 2026

Novembro con Música remata co 53º Concerto de Santa Cecilia e cunha proposta de cinema documental sobre o Mar Exeo


Novembro con Música afronta a súa última semana con dúas propostas no Pazo da Cultura: unha sesión de cinema documental arredor da memoria do afundimento do petroleiro Mar Exeo titulada L’Archéologue e unha nova edición do Festival de Santa Cecilia, que reunirá tres formacións corais.

A primeira cita é o xoves 26 de novembro, ás 20.00 horas, coa proxección de L’Archéologue, unha curtametraxe documental de 30 minutos dirixida por Antón Taboada e integrada no proxecto Cru: memoria coruñesa sobre o Mar Exeo, desenvolvido por Zona Hadal. A peza parte do afundimento do petroleiro Aegean Sea fronte á Torre de Hércules, en decembro de 1992, e segue o traballo de Emile Gireau, un escultor francés que recupera fragmentos do barco para transformalos en obras de arte. O documental propón unha reflexión sobre a memoria da catástrofe marítima, a identidade do litoral galego e os límites entre a arte e a arqueoloxía. A sesión está organizada pola Deputación da Coruña e a Concellaría de Cultura.

A programación péchase o sábado 28 de novembro co 53º Concerto de Santa Cecilia, organizado pola Coral de Bergantiños. A partir das 20.00 horas, o auditorio do Pazo da Cultura acollerá este encontro musical no que a formación carballesa estará acompañada por dúas agrupacións convidadas: a Coral Alecrín de Brión de Ferrol e a Coral Casa do Mar da Coruña.

A Coral de Bergantiños, fundada en 1969, conta desde hai máis de 30 anos coa dirección musical de Gloria de los Ángeles Pardines. O concerto ofrece unha nova oportunidade para compartir o traballo de distintas formacións corais e celebrar a música colectiva. A entrada será libre ata completar a capacidade do recinto. A actividade conta coa colaboración da Concellaría de Cultura e do Centro Social San Xoán Bautista.

Arte multidisciplinar na exposición do Certame Isaac Díaz Pardo

A programación complétase coa exposición do XIX Certame de Artes Isaac Díaz Pardo, que reúne no andar -1 do Pazo da Cultura unha selección de obras presentadas a esta convocatoria da Deputación da Coruña. Entre elas figura Intervalo 2024, de Ana Isabel Gesto Beiroa, galardoada co primeiro premio desta edición. A mostra poderá visitarse ata o 8 de decembro, de luns a sábado, en horario de 17.00 a 21.00 horas.

Deja un comentario