A iniciativa, impulsada polo Awen Fútbol Club coa colaboración do Concello, combina unha charla divulgativa e unha sesión práctica para dar a coñecer unha actividade inclusiva e interxeracional
Xogar ao fútbol sen correr, compartir equipo con persoas de diferentes xeracións e capacidades e desfrutar do deporte sen a presión da competición. Estas son algunhas das características do fútbol a pé, unha modalidade deportiva que se dará a coñecer en Carballo o sábado 12 de decembro, da man do Awen Fútbol Club e coa colaboración do Concello de Carballo.
A I Xornada de Promoción do Fútbol a Pé en Carballo desenvolverase entre as 10.00 e as 12.00 horas nas instalacións do Awen Fútbol Club, no polígono de Bértoa. A actividade incluirá unha charla-coloquio sobre as características desta modalidade e os seus beneficios físicos, psicolóxicos e sociais, así como unha sesión práctica que permitirá ás persoas participantes experimentar directamente esta forma diferente de entender o fútbol.
O fútbol a pé conta cun regulamento específico cuxa principal particularidade é que non está permitido correr en ningún momento do xogo. Esta adaptación das regras permite reducir a esixencia física e favorecer que persoas de diferentes idades, xéneros e capacidades poidan compartir o mesmo terreo de xogo.
Trátase dunha proposta especialmente interesante para aquelas persoas que deixaron de practicar o fútbol convencional co paso dos anos, pero tamén para fomentar a actividade física inclusiva, combater o idadismo e favorecer a convivencia entre xeracións.
Moito máis que fútbol
O proxecto Fútbol a Pé, iniciado en Galicia en novembro do 2019 e integrado na Real Federación Galega de Fútbol, sitúa a convivencia e o benestar das persoas por riba dos resultados deportivos. Entre os seus obxectivos figuran a mellora da condición física, a estimulación cognitiva, o reforzo da autoestima, a creación de vínculos sociais e a loita contra o illamento.
A iniciativa xa se deu a coñecer en numerosos concellos galegos e conta con experiencias de traballo con colectivos de persoas con discapacidade, asociacións de pacientes, centros educativos e universidades. O proxecto foi tamén obxecto de estudo por parte de investigadores das universidades de Vigo e Santiago de Compostela, cuxos resultados se presentaron no Congreso Internacional de Xeriatría e Xerontoloxía de maio do 2025.
A filosofía da actividade resúmese no lema que acompaña o proxecto desde os seus inicios: “O único requisito para poder participar é que veñades pasalo ben, e, sobre todo, que llo fagades pasar ben aos demais”.
As persoas interesadas en participar na primeira xornada de promoción do fútbol a pé en Carballo poden solicitar máis información a través do WhatsApp 630 186 354 ou do correo electrónico acdawen@gmail.com.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.