Tuesday 24 de November de 2026

Cáritas Ribeira celebrará unha nova edición da súa gala solidaria no 12 de decembro


 As entradas estarán á venda a partir de mañá a un prezo de 10 euros

A época do Nadal trae consigo moitos eventos con fins solidarios e, neste senso, Cáritas Unidade Pastoral de Ribeira celebrará a súa gala que levará a escena a arredor de 90 alumnos de Mimarte. O espectáculo terá lugar no 12 de decembro, ás 19.30 horas, no novo Auditorio municipal. Na presentación estiveron a alcaldesa, María Sampedro; o párroco, Alfonso Mera; o presidente de Cáritas Ribeira, Manuel Mirás; e a artista Tania Fuegho, en representación da Asociación Cultural Mimartescénicas.

Esta cita busca sensibilizar á sociedade das situacións de vulnerabilidade que atravesan moitas persoas no municipio, trasladar unha mensaxe de esperanza e fortalecer os lazos de solidariedade; todo isto a través da arte. Neste senso, a rexedora destacou o traballo que realiza Cáritas ao longo de todo o ano, non só para atender necesidades básicas, senón tamén como acompañamento; “necesidades que tamén necesitan ser tratadas e atendidas”, apuntou Sampedro. En consecuencia, gabou o seu labor por tamén axudar ás institucións a chegar ao maior número de veciños e veciñas posible, polo que animou a participar nesta gala solidaria que busca recadar fondos. “A xente de Ribeira é moi xenerosa”, puxo en valor.

Tamén se pronunciou o párroco Alfonso Mera, para quen se trata de facer “unha sociedade máis sensible” mediante o humor e talento de Mimarte. Así mesmo, salientou que Cáritas non só proporciona alimento e vestimenta a persoas que o precisan, senón que, actualmente, tamén están brindando apoio a cidadanía con problemas de vivenda e de soidade. A proposta pretende converter a cultura nun espazo de encontro, reflexión e compromiso, favorecendo unha mirada máis próxima ás dificultades que atravesan moitas persoas.

Pola súa parte, Tania Fuegho manifestou que o espectáculo busca “devolver á sociedade o que a sociedade nos dá”, motivo polo cal levan ensaiando dende setembro para dar o mellor de si na música, danza e teatro. Ademais, incluirá unha adaptación contemporánea do clásico Conto de Nadal. A proposta pretende converter a cultura nun espazo de encontro, reflexión e compromiso, favorecendo unha mirada máis próxima ás dificultades que atravesan moitas persoas. Baixo o lema Contigo, somos máis. Ti fas Cáritas!, a organización anima á cidadanía a participar nesta iniciativa e a coñecer máis de preto o traballo que desenvolve na comunidade.

Entradas á venda

As entradas teñen un claro compoñente solidario e o prezo establécese nos 10 euros. Pódense adquirir a partir do 25 de novembro na sede de Cáritas de Ribeira, na praza de Porta do Sol.

Deja un comentario