Oleiros contará con dous núcleos de actividades de ocio relacionadas co Nadal, situadas en Perillo e Santa Cruz. O sábado 28 iniciará a súa actividade a pista de xeo natural situada na Polideportiva da avenida da II República en Perillo.
A pista de xeo abrirá o vindeiro sábado 28 de novembro e manterá a súa actividade ata o 10 de xaneiro de 2027. Os horarios da pista en período lectivo serán de luns a xoves de 16:45 a 21:30 h, venres de 16:00 a 23:00 h e fins de semana e festivos de 11:00 a 22:45 h. Durante o período de vacacións de Nadal a pista abrirá de luns a domingo de forma ininterrompida de 11:00 a 23:00 horas.
Durante os días 24 e 31 de decembro o horario de apertura será de 11:00 a 18:15 horas e os días 25 de decembro e 1 de xaneiro o seu horario de apertura será de 18:30 a 22:45 h e o Día de Reis (6 de xaneiro) abrirá de 11:00 a 14:00 horas e de 16:45 a 23:00 horas.
O acceso á pista de xeo durante media hora ten un custo de 6,00 euros e inclúe o aluguer de patíns. É obrigatorio levar luvas.
Igual que os anos anteriores, o Concello de Oleiros mantense en contacto cos colexios públicos de primaria para organizar diversas saídas onde os nenos e nenas poderán gozar desta atracción antes das vacacións de Nadal. O Concello financiará esta actividade na súa totalidade e no caso de que a dirección dalgún colexio decline a invitación, entregaráselle unha entrada aos nenos e nenas en cuestión.
Ademais, a partir do día 5 de decembro ficarán instaladas na praza Esther Pita, en Santa Cruz, diversas atraccións para todas as crianzas do municipio. Ademais destes xogos, organizaranse múltiples obradoiros de artes plásticas relacionados con esta época do ano, animación infantil e diversas actuacións musicais durante todo o mes de decembro.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.