Para agradecer á brigada médica solidaria desprazada recentemente a México o extraordinario traballo realizado, o alcalde, Ángel García Seoane, e a concelleira de Cooperación Internacional, Marga Figueroa, recibiron na Casa do Concello a unha representación dos profesionais sanitarios participantes na expedición. En coordinación co persoal do Hospital San Carlos de Altamirano, atenderon a 561 persoas en distintas consultas de anestesioloxía, cirurxía xeral, xinecoloxía, oftalmoloxía e pediatría; realizaron un total de 125 intervencións cirúrxicas nas mesmas especialidades; entregaron 198 lentes; e formaron a 9 profesionais locais.
Con esta misión buscábase mellorar o acceso a intervencións cirúrxicas e atención médica especializada en comunidades rurais e indíxenas con escasos recursos, onde o acceso a servizos sanitarios básicos segue sendo limitado. Debido ao illamento no que se atopa a localidade que alberga este hospital, resulta moi complicado atopar médicos que poidan traballar no centro.
Este é un proxecto da ONG Solidariedade Galega que financiou integramente o Concello de Oleiros con 18.884 euros.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.