Saturday 21 de November de 2026

Luís Pérez: O apoio recibido nas rúas impulsa unha campaña do BNG que vai a máis


O BNG celebrará mañá ás 19.00 horas un acto público na Casa do Mar de Ribeira coa participación de Luís Pérez, Rosana Pérez, Néstor Rego e Ana Pontón.

O Bloque Nacionalista Galego celebrará mañá, sábado, ás 19.00 horas, un acto público na Casa do Mar de Ribeira no que participarán Luís Pérez, exalcalde de Ribeira; Rosana Pérez, deputada no Parlamento galego; Néstor Rego, deputado no Congreso; e Ana Pontón, portavoz nacional do BNG.

O encontro enmárcase nunha campaña que o BNG está a desenvolver cunha valoración moi positiva, na que a organización destaca a ilusión, a participación e as numerosas mostras de apoio que está a recibir nas rúas. Desde a formación nacionalista sinalan que están percibindo unha resposta crecente da veciñanza e que afrontan esta recta final con enerxía e ganas de seguir trasladando as súas propostas.

Durante o acto abordaranse cuestións fundamentais para o futuro de Galiza, como a defensa dos dereitos sociais, o fortalecemento dos servizos públicos, a mellora das condicións de vida da cidadanía, a creación de emprego e a conquista de novos dereitos. Tamén se poñerá o foco na importancia de contar cunha representación galega forte en Madrid , capaz de defender os intereses do país e trasladar a voz propia dos galegos e galegas nas institucións do Estado.

No ámbito das propostas, o BNG está a situar no centro da súa campaña medidas para garantir o acceso a unha vivenda digna, mellorar os salarios e as pensións, reforzar a sanidade e a educación públicas e ampliar os recursos destinados á atención ás persoas maiores e dependentes. O Bloque tamén aposta por impulsar os sectores produtivos galegos, crear oportunidades de emprego, facilitar que a mocidade poida desenvolver o seu proxecto de vida no país e defender unhas infraestruturas e uns servizos de transporte público acordes coas necesidades de Galiza. Propostas que forman parte do programa electoral co que o BNG concorre ás eleccións xerais do 29 de novembro.

O BNG anima a toda a veciñanza de Ribeira e da comarca do Barbanza a achegarse á Casa do Mar para participar neste encontro público e coñecer de primeira man as propostas e prioridades da formación nacionalista.

Deja un comentario