O almanaque poderá recollerse desde o luns na casa do concello e desde o martes tamén estará dispoñible no Museo de Bergantiños e nas bibliotecas Agra de Campos e Rego da Balsa
O Concello de Carballo presentou hoxe o calendario municipal de 2027, dedicado ao pan e ás persoas que o elaboran. O almanaque é un adianto do libro Pan de Carballo. Historia, tradición e sabor, que se publicará nos vindeiros meses, e tamén o primeiro paso dun ano con distintas accións de promoción e recoñecemento da tradición panadeira local.
O calendario poderá recollerse desde o luns na Casa do Concello e, a partir do martes, no Museo de Bergantiños e nas bibliotecas Agra de Campos e Rego da Balsa.
Na presentación, que se realizou na panadaría do mercado municipal, participaron a concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret; o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela; e o alcalde, Daniel Pérez.
Ángeles Pacoret explicou que o calendario percorre diferentes aspectos da historia do pan en Carballo: o papel das panadeiras, o reparto a cabalo e en furgoneta, os muíños, as ferramentas do oficio e os produtos que saen dos fornos. As imaxes históricas dialogan con fotografías actuais e co traballo que continúa nas panadarías.
A concelleira avanzou que a publicación do libro irá acompañada doutras iniciativas ao longo de 2027, entre elas novas propostas de Carballo na Memoria, para seguir divulgando a historia e o valor cultural do pan.
Ramón Varela salientou a relación entre o pan, as feiras e o mercado municipal, así como a longa tradición panadeira de Carballo. O pan foi durante xeracións un produto cotián e un elemento esencial da vida económica e social do municipio.
O alcalde subliñou que o pan é un elemento de identidade e de unión: “O pan é un elemento identitario e de unión que, ao longo da historia, estivo na mesa de pobres e ricos, sen distinción, e foi o sustento de moitas familias. Por iso, as persoas que o elaboran e mantiveron vivo este oficio merecen unha homenaxe, que queremos estender ao longo de todo 2027”, sinalou.
A presentación do calendario coincide coa comunicación dunha axuda de 10.000 euros concedida ao Concello ao abeiro das axudas Leader do PEPAC. A resolución, recibida onte, apoia un proxecto que inclúe a impresión do libro Pan de Carballo, folletos para a Ruta dos Muíños do Pan e a realización de obradoiros de panadaría, entre outras actividades.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.