Saturday 21 de November de 2026

O BNG de Culleredo esixe unha avaliación realista dos riscos no aeroporto de Albedro


– O Grupo Municipal do BNG considera que AENA limita os simulacros no aeroporto a “trámites de oficina” dentro da pista.

– O Concello da Coruña, no entanto, gasta 6,5 millóns de euros para aumentar o número de voos en Albedro sen plans de prevención en terra.

– Como en tantos outros desgrazados accidentes por todo o mundo, o maior accidente da historia do noso aeroporto aconteceu no exterior do recinto, en Montrove, a 3 quilómetros da pista.

– Esíxese a realización de simulacros acordes co risco real de catástrofe na Ría do Burgo e nos núcleos residenciais da contorna do aeroporto para avaliar se as equipas de rescate poderían acceder e evacuar ás vítimas.

O Grupo Municipal do BNG rexistrou unha moción que pon en cuestión o relato oficial de seguridade arredor do Aeroporto de Albedro. A iniciativa denuncia a “perigosa inercia e falta de previsión” tanto de Aena como dos gobernos local e autonómico por non realizar simulacros de accidente fóra do recinto aeroportuario, tal e como esixe a lexislación estatal (Real Decreto 837/2020).

Tono Chouciño sinala que os simulacros bienais que se realizan na actualidade son unha “ficción burocrática” que se limita ao interior do recinto aeroportuario. “Estatisticamente, os accidentes graves ocorren fóra de pista. Na Coruña tivemos a desgraza de sofrer un grande accidente o 31 de agosto de 1973, e foi en Montrove. Non ensaiar que pasa cando o avión cae sobre o solo residencial da contorna do aeroporto é unha temeridade”, afirmou.

O grupo nacionalista dirixe tamén unha dura crítica ao Concello da Coruña pola súa recente licitación de 6,5 millóns de euros para potenciar novas rutas aéreas. “Resulta moral e politicamente inadmisible que se financie con cartos públicos encher o ceo de avións sobre as nosas cabezas mentres se aforra en protexer a poboación circundante. A Xunta e o Estado, no ámbito das súas competencias, teñen que asegurar o cumplimento das medidas preventivas que establece a lexislación. Esiximos que o incremento de tráfico veña acompañado de xeito proporcional dun incremento na prevención”, conclúen.

Deja un comentario