• O concelleiro Non Adscrito reclama ao goberno local que poña en marcha as ferramentas previstas nos pregos: unha campaña de 35.000 euros, 10.000 planos de peto e unha oficina informativa no centro.
• Muíños pide explicacións inmediatas polos presuntos recortes de frecuencias nas liñas 5 e 6, entre outras, para pintar autobuses e esixe transparencia sobre a antigüidade real da frota de transición.
O concelleiro Non Adscrito Gonzalo Muíños advertiu este sábado da “falta absoluta de información” coa que o goberno de Goretti Sanmartín está a xestionar a remuda do contrato do transporte urbano, unha situación que, segundo denuncia, afecta tanto aos traballadores do servizo coma ás persoas usuarias, “que non saben como nin cando lles van cambiar as liñas e as frecuencias”.
Para Muíños, a posta en marcha do novo modelo de transporte “é demasiado importante para o día a día de Santiago como para xestionala con escurantismo e improvisación”. Neste sentido, o edil lembra que os propios pregos do contrato xa contemplan ferramentas moi claras para o arranque do servizo que o executivo local debe activar sen máis demora.
En concreto, o prego técnico recolle unha campaña informativa inicial valorada en 35.000 euros, a edición de 10.000 planos da rede e horarios de peto para a súa distribución entre a cidadanía e a apertura dunha oficina de atención ao público no centro da cidade. “Esiximos que o goberno local active xa todo ese despregamento informativo e que, a maiores, estude completalo con persoal informador a pé de rúa nas paradas principais para que a veciñanza poida prepararse con tempo para o cambio de rede”, sinalou.
Explicacións polos presuntos recortes nas frecuencias de varias liñas
Máis aló da falta de planificación informativa, Gonzalo Muíños reclamou ao goberno de Sanmartín “explicacións inmediatas” sobre as incidencias que se están a rexistrar xa nas rúas. Segundo trasladaron tanto usuarios coma condutores, estanse a producir recortes de frecuencias en varias liñas como a 5 e 6, así como na lanzadeira ao aeroporto, motivados presuntamente pola retirada de autobuses do servizo diario para proceder ao seu pintado e adaptalos á nova imaxe corporativa.
“Iso é inadmisible: non se pode empeorar o servizo diario da xente para facer un lavado de cara”, criticou o concelleiro non adscrito, quen insistiu en que a transición cara ao novo contrato non pode facerse a costa de minguar a calidade e a regularidade das liñas que utilizan cada día milleiros de composteláns.
Transparencia sobre a antigüidade da frota de transición
Finalmente, Muíños pediu “total transparencia” sobre o estado e as características dos 67 autobuses provisionais que prestarán o servizo durante o primeiro ano, mentres non se incorpora a frota definitiva. O edil lembrou que os pregos esixen que todos eses vehículos pasen unha inspección previa polos servizos técnicos municipais e que, ademais, a empresa adxudicataria obtivo puntuación no concurso en función da antigüidade media que ofertou para esa frota temporal.
“Queremos saber se eses buses que se están repintando agora compren estritamente coa idade media comprometida na oferta ou se nos están intentando colar vehículos vellos cunha man de pintura”, afirmou Muíños.
“Comezar un novo servizo con falta de información e con dúbidas sobre o estado dos autobuses non semella un bo inicio para un contrato que vai durar 13 anos”, concluíu.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.