A achega de 2.777,77 euros do Ministerio de Cultura destinarase á adquisición de novos libros e publicacións para ampliar os fondos das bibliotecas municipais.
O Concello da Laracha foi un dos municipios premiados na edición deste ano do concurso ‘María Moliner’, convocado polo Ministerio de Cultura para recoñecer e apoiar os programas de promoción da lectura desenvolvidos en localidades de menos de 50.000 habitantes.
O recoñecemento leva aparellada unha achega económica de 2.777,77 euros, que deberá destinarse integramente á adquisición de libros e publicacións periódicas, en calquera soporte, que pasarán a formar parte dos fondos das bibliotecas públicas municipais.
Esta distinción pon en valor o traballo que realiza o Concello para fomentar o hábito lector e facilitar o acceso á cultura en todo o termo municipal. A dispersión territorial e as dificultades de desprazamento dalgunhas zonas fan especialmente importante achegar os recursos e as actividades á veciñanza. Por iso, a programación municipal desenvólvese de maneira coordinada durante todo o ano nas bibliotecas municipais da Laracha, Paiosaco e Caión.
Os programas de promoción da lectura combinan a dinamización nese eido coa difusión da cultura popular e do patrimonio local. Entre as súas principais liñas de actuación atópanse os contacontos, a divulgación de historias, tradicións e lendas da Laracha, a promoción de autores da contorna, a captación e formación de novos usuarios das bibliotecas e a organización de actividades como exposicións. O obxectivo é converter as bibliotecas en espazos culturais abertos e dinámicos, nos que a lectura se combina con outras manifestacións e nos que a historia, as tradicións e a creación literaria local serven de punto de partida para espertar o interese de públicos de todas as idades.
O Concello celebra este recoñecemento, que supón un novo impulso ao traballo desenvolvido neste ámbito e permitirá seguir enriquecendo os seus fondos documentais, ampliando os recursos á disposición da cidadanía e achegando a lectura e a cultura a todas as parroquias.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.