O alcalde, os concelleiros e concelleiras do Goberno e os sete asesores incrementan as súas retribucións nun orzamento que destina preto dun millón de euros aos soldos dos cargos políticos e asesores vinculados ao PP.
Alternativa dos Veciños critica que os orzamentos municipais aprobados esta semana contemplen unha subida salarial do 7,7 % para os membros do Goberno local e os seus asesores, mentres as axudas destinadas ás entidades e asociacións do municipio permanecen conxeladas.
Este incremento contrasta coa situación das asociacións culturais, deportivas, sociais e veciñais, que desenvolven un labor fundamental para dinamizar as parroquias e mellorar a calidade de vida da veciñanza, e que deben continuar realizando as súas actividades coas mesmas axudas, a pesar do aumento dos custos.
Desde Alternativa dos Veciños consideran que esta decisión deixa claras as prioridades do Goberno municipal do Partido Popular: incrementar as retribucións dos seus cargos e asesores mentres mantén sen cambios o apoio económico ás entidades que traballan día a día pola veciñanza.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.