Os votos en contra de PP e PSOE impiden aprobar unha modificación da RPT que permitiría crear seis novos postos, impulsar unha OPE de 11 prazas e recoñecer melloras profesionais e retributivas en diferentes servizos
Manuel Polo cualifica de “incomprensible e irresponsable” a postura da oposición tras ano e medio de traballo e negociacións
O BNG de Fene denuncia a actitude do Partido Popular e do Partido Socialista, que sumaron os seus votos no último pleno municipal para impedir a aprobación da quinta modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Fene, unha proposta na que se levaba traballando desde había ano e medio e que permitiría avanzar na creación de emprego público, na reorganización dos servizos municipais e no recoñecemento de melloras laborais e salariais para diferentes postos do plantel.
A organización nacionalista considera “incomprensible e irresponsable” que PP e PSOE decidisen unir os seus votos para frear unha iniciativa que respondía a necesidades reais da administración local e que era froito dun longo proceso de análise e negociación. “Estamos diante dunha decisión política que ten consecuencias moi concretas. Non estamos a falar dunha discrepancia menor, senón de impedir que o Concello poida reforzar o seu persoal, mellorar a atención á veciñanza e recoñecer o traballo que desenvolven empregados e empregadas municipais”, sinala o portavoz municipal do BNG, Manuel Polo.
A Relación de Postos de Traballo é o instrumento fundamental para organizar os recursos humanos dunha administración pública, definindo os diferentes postos, as súas funcións, características e condicións. A súa modificación permite adaptar a estrutura municipal ás necesidades actuais, incorporando novos postos, amortizando aqueles que xa non resultan necesarios e actualizando as funcións e condicións dos existentes.
Neste caso, a proposta impulsada polo goberno municipal supuña unha reorganización importante, coa creación de seis novos postos e a actualización de diferentes postos de traballo, recoñecendo funcións que xa se estaban desenvolvendo na práctica e incorporando melloras profesionais e retributivas.
Un bloqueo que impide avanzar na creación de emprego público
Unha das consecuencias máis importantes do rexeitamento da modificación da RPT é que queda comprometida a tramitación da Oferta Pública de Emprego de 2026, que contemplaba 11 prazas a partir da taxa de reposición.
A proposta incluía a creación de seis novos postos considerados necesarios para reforzar o funcionamento do Concello: un técnico ou técnica de Recursos Humanos, un técnico ou técnica de Xestión Medioambiental, un encargado ou encargada xeral de Obras e Servizos, un capataz de Obras, un electricista e un auxiliar administrativo destinado aos Servizos Sociais.
Tratábase de incorporar perfís profesionais para responder ás necesidades dunha administración que debe afrontar cada vez máis responsabilidades, mellorar a capacidade de xestión e garantir unha prestación eficiente dos servizos públicos.
“É especialmente grave que PP e PSOE voten en contra dunha proposta que permite crear emprego público e reforzar áreas fundamentais para o funcionamento do Concello. Despois escoitámolos reclamar máis medios, máis axilidade e mellores servizos, pero cando teñen a oportunidade de contribuír a facelo posíbel, votan en contra”, critica Manuel Polo.
O portavoz nacionalista lamenta que esta decisión obrigue a retomar o procedemento de negociación e atrase unha reorganización que considera necesaria. “Fene non pode permitirse que os intereses partidistas estean por diante das necesidades da administración e da veciñanza. Cada atraso na incorporación de persoal é tamén un atraso na capacidade do Concello para dar resposta ás demandas da veciñanza”, engade.
Melloras laborais e recoñecemento de funcións que tamén quedan bloqueadas
Desde o BNG subliñan que a modificación da RPT non se limitaba á creación de novos postos, senón que incluía melloras relevantes para diferentes colectivos do persoal municipal.
No ámbito da Policía Local, contemplábase a creación dun catálogo de postos de segunda actividade, con dous postos de carácter administrativo e outro vinculado ao urbanismo e ao medio ambiente. Tamén se actualizaban as condicións do posto de Oficial-Xefe, recoñecendo un réxime de especial dispoñibilidade e mellorando os seus complementos retributivos.
Na área de Benestar Social, a proposta recoñecía igualmente a especial dispoñibilidade do posto de coordinación, coa correspondente mellora salarial, e contemplaba a funcionarización de dúas prazas de Traballo Social. Ademais, recollía a reclasificación ao grupo C2 de catro postos de auxiliar de axuda no fogar.
En Cultura, a unidade municipal incorporaba expresamente as funcións de promoción lingüística, que pasarían a ser asumidas por persoal existente tras a amortización do posto de Xestor. Tamén se adaptaban os requisitos de titulación da praza de Bibliotecario ou Bibliotecaria ao Espazo Europeo de Educación Superior e se establecía unha xornada flexible para a coordinación de Deportes.
Pola súa banda, en Obras e Servizos contemplábase unha reorganización das funcións do persoal operario para facilitar a prestación transversal de servizos, o recoñecemento das responsabilidades efectivamente asumidas polo posto de encargado, coa correspondente mellora retributiva, e a creación dun posto de capataz de Obras.
“O que PP e PSOE decidiron rexeitar non é un documento abstracto. Son melloras concretas para persoas que traballan todos os días para que o Concello funcione. É recoñecer responsabilidades, actualizar funcións e adaptar as condicións laborais á realidade do traballo que se desenvolve”, insiste Polo.
O PSOE mudou a súa posición entre a comisión e o pleno
O BNG chama especialmente a atención sobre o comportamento dos grupos da oposición durante a tramitación da proposta.
Na Mesa Xeral de Negociación, a modificación contou co apoio dos tres representantes do BNG e da representante de Esquerda Unida. Pola súa banda, a representante do PSOE e os tres da CIG abstivéronse, mentres que os dous representantes do PP e o do CSIF votaron en contra.
Posteriormente, na comisión informativa previa ao pleno, o BNG volveu apoiar a proposta, o PP mantivo o seu voto contrario e o PSOE optou novamente pola abstención. Porén, na sesión plenaria, os socialistas cambiaron a súa posición e sumaron os seus votos aos do Partido Popular, provocando o rexeitamento da modificación.
“Resulta difícil de entender que, despois de ano e medio de traballo, o PSOE pase da abstención ao voto en contra precisamente no momento decisivo. Gustaríanos saber que cambiou entre a comisión informativa e o pleno para xustificar unha decisión que prexudica a planificación do persoal municipal”, cuestiona Manuel Polo.
Para os nacionalistas, esta actuación evidencia unha oposición máis preocupada por impedir que o goberno avance que por contribuír a resolver os problemas do Concello. “A oposición está no seu dereito de discrepar, de facer propostas e de fiscalizar a acción do goberno. O que non resulta aceptábel é converter o bloqueo nunha forma de facer política, especialmente cando as consecuencias recaen sobre os servizos públicos e sobre o persoal municipal”, afirma o portavoz.
O BNG manterá o seu compromiso coa mellora dos servizos públicos
A organización nacionalista reafirma a súa vontade de continuar traballando para dotar o Concello dunha estrutura de persoal adaptada ás necesidades actuais, con condicións laborais dignas, unha organización eficiente e capacidade para ofrecer unha atención de calidade á veciñanza.
O rexeitamento da proposta obriga agora a retomar o proceso de negociación, atrasando a planificación de recursos humanos prevista para 2026 e as melloras que se pretendían incorporar.
“Nós temos claro de que lado estamos, do lado dos servizos públicos, das persoas que os fan posíbeis e da veciñanza que os necesita. Imos seguir traballando para sacar adiante estas melloras, porque Fene precisa unha administración moderna e con recursos suficientes”, asegura Manuel Polo.
“PP e PSOE poden intentar bloquear unha proposta no pleno, pero non van conseguir que renunciemos a mellorar o Concello. O que deberían explicar é que alternativa ofrecen e por que consideran que Fene está mellor sen estes novos postos de traballo e sen as melloras laborais propostas. Votar en contra tamén é tomar decisións, e cada quen terá que asumir a responsabilidade das súas consecuencias”, concluíu.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.