Saturday 21 de November de 2026

Neda activará este mes o programa socioeducativo Refórzate, destinado a alumnado con especiais dificultades


O Concello de Neda prevé poñer en marcha ao longo do mes de novembro, xunto co veciño municipio de Fene, o programa socioeducativo e preventivo Refórzate. A cuarta edición da iniciativa, que se ofertou días atrás aos tres centros educativos públicos locais, vai dirixida a alumnado con dificultades de aprendizaxe, problemas de conducta, de xestión emocional, ou con carencia de habilidades sociais.

A programa contará, en principio, con grupos reducidos de primaria e de secundaria, integrados por rapaces e rapazas, que deben derivar os colexios San Isidro e Maciñeira e máis o IES Fernando Esquío. A finalidade non é outra que dotar aos participantes de “ferramentas para medrar con autonomía”, traballando a organización, a autorregulación, a convivencia con outros, e o benestar dixital, mediante dinámicas activas (retos, xogos cooperativos, role-play…)

Así, en sesións semanais, que se desenvolverán ata final de curso, os estudantes que se sumen- as familias serán claves- aprenderán a organizarse mellor, planificando e adoptando hábitos para o seu día a día. Ademais, traballará o autocoñecemento e a regulación de emocións, de impulsos e do estrés. Nos encontros, que se desenvolverán nas instalacións do CEIP San Isidro, tamén se abordará o tema da asertividade e a resolución de conflitos entre iguais e, finalmente, os problemas de adicción ás pantallas, videoxogos e redes sociais.

Refórzate, subvencionado pola Consellería de Sanidade, terá un obxectivo específico, segundo o traballo personalizado desenvolvido en cada caso, que irá dende a mellora nas competencias educativas e sociais, ata apoiar a socialización dos menores, pasando por fomentar a autoestima e a responsabilidade ou a promoción de hábitos de vida saudables.

Deja un comentario