A finalidade é ofrecerlle ao alumnado a opción de crear o seu propio negocio como unha alternativa laboral
O obradoiro de emprego Tahume XI traballa xa na organización das cuartas xornadas de emprendemento para ofrecerlle ao alumnado unha visión do mercado laboral no sector forestal e de carpintería e as opcións de crear o seu propio negocio.
Trátase dunha iniciativa que levan a cabo na aula dentro do módulo de Xestión de Empresas coa finalidade de que “valoren tamén a opción de aventurarse no mundo do emprendemento como outra saída laboral que é posible coñecemento a situación actual dos sectores nos que se están formando. Neste programa adquírense coñecementos de maneira teórica e práctica e queremos que, unha vez rematen, teñan máis ou menos encamiñado o seu futuro profesional”, indica a concelleira ribeirense de Promoción Económica, Carmen Pérez.
Nesta cuarta edición das xornadas colaboran PEFC Galicia, EspazoCoop e Fundación Ronsel, compartindo coñecementos, experiencias e recursos.
Metodoloxía do obradoiro
Este programa botou a andar no pasado mes de xuño cun total de 20 persoas participantes e combina formación teórica e práctica. O obxectivo é a mellora da empregabilidade das persoas dos concellos de Ribeira e O Porto do Son, onde o alumnado recibe formación no ámbito profesional de forestal e de produción de carpintería e moble.
Durante nove meses asisten ás especialidades de Aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble; Actividades auxiliares en aproveitamentos forestais; Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes; e Traballos de carpintería e moble.
A maiores da formación específica de carpintería e forestal, o alumnado recibe formación en competencias dixitais, igualdade, medio ambiente, orientación laboral ou autoemprego, entre outras.
O dito obradoiro conta co apoio da Consellería de Emprego Comercio e Emigración, que aporta unha achega de 546.552 euros para esta iniciativa de emprego.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.