Thursday 19 de November de 2026

Adxudicada a instalación dun estacionamento seguro e intelixente para bicicletas no carril bici ata Palmeira


 O obxectivo é dotar de servizos á nova infraestrutura e apostar pola mobilidade sostible

O Concello de Ribeira adxudica o subministro, instalación, configuración e posta en marcha dun módulo de aparcamento seguro e intelixente para bicicletas no novo carril bici que discorre dende as inmediacións de Coroso e ata a contorna do cemiterio municipal de Palmeira. Este novo servizo terá unha capacidade mínima de 10 prazas, acceso e control dixital, carga para bicicletas eléctricas, incluíndo todo o preciso para a súa operatividade, así como plataforma de xestión web e app.

Trátase dunha medida que se activa ao existir na zona diferentes nodos de desprazamentos como o IES Número 1, o CIFP Coroso, a Escola Oficial Náutico Pesqueira, o Centro de Deportes de Raqueta, a praia de Coroso e o futuro novo polígono industrial.

A empresa Servicios Urbanos Avanzados S.L. resultou a adxudicataria por un prezo do contrato de 42.834 euros, IVE incluído, se ben está financiada nun 90% a través da Unión Europea mediante o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible no marco da primeira convocatoria de subvencións da Fundación de los Ferrocarriles Españoles, F.S.P. a favor de entidades locais para o fomento do uso da bicicleta mediante investimento en infraestruturas ciclistas.

A fase de implantación estenderase ao longo de dúas semanas, mentres que a de operación e soporte será durante os tres anos seguintes á fase previa.

Deja un comentario