Entregaranse cestas con produtos típicos destas datas e disponse ata o 17 de decembro para inscribirse
O Nadal xa se achega e o Concello de Ribeira convoca unha nova edición dos concursos de embelecemento nas modalidades de decoración de fachadas, balcóns e xardíns; decoración de establecementos comerciais; e decoración de establecementos hostaleiros.
Trátase dunha actividade cun dobre obxectivo: por unha parte, favorecer, poñer en valor, incentivar e dinamizar a participación do tecido económico do municipio (hostalería e comercio) na celebración destas datas mediante a decoración dos seus negocios para promover así as compras e consumo de proximidade e, pola outra, animar á cidadanía a ornamentar as súas vivendas nestas festas.
“Un ano máis queremos alentar o espírito propio desta época de compartir facendo que os nosos veciños e veciñas engalanen o exterior das súas vivendas para ter unha rúas máis vistosas e complementar así a iluminación que colocamos dende o Concello de Ribeira na vía pública”, explica a concelleira de Cultura, Ana Barreiro.
Pola súa banda, a súa homóloga de Promoción Económica, Carmen Pérez, destaca que estes concursos nacen tamén coa vontade de “implicar ao tecido comercial e hostaleiro, o cal repercutirá na dinamización social e económica do municipio nestas datas e, a compra dos premios tamén se fará no comercio local, polo que este certame ten un dobre impacto positivo.”
Repartiranse un total de 2.620 euros en premios baixo o formato de cestas con produtos de Nadal. No que respecta á categoría de decoración de fachadas, balcóns e xardíns, entregaranse un total de 9 distincións, unha por parroquia, por valor de 200 euros cada unha.
En canto ás modalidades de decoración de establecementos comerciais e hostaleiros, outorgaranse un total de 4 recompensas, distribuídos en dous galardóns por categoría: dous primeiros de 250 euros e dous segundos de 160 euros.
A decoración deberá estar exposta dende o 17 de decembro de 2026 ata o 6 de xaneiro de 2027, ámbolos dous días incluídos.
Inscrición no certame
Disponse ata o 17 de decembro para inscribirse no certame enviando o documento de participación cuberto e un máximo de tres fotografías
cos domicilios engalanados. No caso da modalidade de fachadas balcóns e xardíns, poderase enviar tamén, de xeito opcional, un vídeo cun tempo máximo de 15 segundos para os domicilios. Para a modalidade de fachadas, balcóns e xardíns habilítase o enderezo electrónico culturaefestexos@ribeira.gal, mentres que o comercio e a hostalería formalizarán o trámite en comercio@ribeira.gal ou no whatsapp do teléfono 686 587 000, ademais da ficha de participación debidamente cuberta.
A decisión do xurado darase a coñecer na última semana do mes de decembro.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.