Thursday 19 de November de 2026

En marcha unha nova campaña de limpeza e mantemento por todas as parroquias de Fene


Os traballos, iniciados en Limodre, inclúen a limpeza de cunetas e rexistros, o acondicionamento da rede de pluviais e a retirada de follas e restos vexetais das vías

O dispositivo revisará tamén bancos, papeleiras, soportes de colectores de lixo e outros elementos do mobiliario urbano para detectar necesidades de reparación ou substitución

O Concello de Fene vén desenvolvendo nas últimas semanas unha campaña de acondicionamento, limpeza e mantemento nas oito parroquias do municipio, cun dispositivo que se iniciou en Limodre e que continuará progresivamente polo resto do termo municipal.

A actuación abrangue diferentes tarefas de conservación das vías, redes de drenaxe e espazos públicos e está especialmente orientada nestas datas a favorecer a correcta evacuación das augas pluviais e evitar que a acumulación de terra, vexetación, follas e outros materiais dificulte o funcionamento das infraestruturas.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, explicou que se trata “dunha campaña organizada para ir percorrendo progresivamente as parroquias e actuar sobre diferentes necesidades de mantemento nun mesmo dispositivo”.

Permuy sinalou que este tipo de intervencións permiten “revisar sobre o terreo o estado das cunetas, dos sistemas de recollida de pluviais, das vías e tamén dos diferentes elementos de mobiliario, detectando ao mesmo tempo aquelas incidencias que requiran unha reparación posterior”.

Limpeza de cunetas e da rede de pluviais

Unha das principais tarefas da campaña é a limpeza de cunetas mediante retroescavadora e camión, retirando a terra, vexetación e demais materiais que se foron acumulando e que poden reducir a súa capacidade para recoller e conducir a auga.

Os traballos complétanse coa limpeza de rexistros e a revisión dos diferentes elementos da rede de recollida de augas pluviais, co obxectivo de manter despexados os puntos de entrada e saída da auga e facilitar a súa circulación.

O concelleiro de servizos, Adán Chao, explicou que “nesta época do ano é especialmente importante revisar as cunetas e os elementos de drenaxe. A acumulación de terra, follas ou vexetación pode reducir a súa capacidade e provocar que a auga non circule correctamente cando se producen episodios de choiva”.

Por este motivo, os traballos non se limitan á limpeza superficial das vías. “Imos revisando cunetas, rexistros e outros puntos da rede de pluviais para retirar os materiais acumulados e detectar posibles incidencias. Son tarefas ordinarias de conservación, pero requiren unha actuación periódica para que as infraestruturas funcionen correctamente”, indicou Chao.

Revisión do mobiliario urbano

O dispositivo inclúe tamén labores de limpeza viaria, retirada de follas e restos vexetais e acondicionamento de diferentes espazos de uso público.

Ao mesmo tempo, o persoal municipal está realizando unha revisión dos elementos existentes nas vías e espazos públicos. A inspección abrangue bancos, papeleiras, soportes de contedores e outros equipamentos municipais, co fin de localizar pezas deterioradas ou que precisen algún tipo de intervención.

“Non se trata só de limpar, senón de aproveitar o percorrido por cada zona para comprobar o estado dos diferentes elementos. Se se detecta un banco deteriorado, unha papeleira que necesita ser substituída ou calquera outra incidencia, queda identificada para poder programar a correspondente actuación”, explicou o concelleiro de Servizos.

Deja un comentario