Wednesday 18 de November de 2026

Aprobado con carácter definitivo o proxecto de expropiación dos terreos afectados pola urbanización do entorno da Igrexa de Lestón


Así foi acordado hoxe pola Xunta de Goberno Local tras superar o período de exposición pública sen recibirse alegacións. O levantamento das actas previas de ocupación queda fixado para o 29 de decembro.

A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe en sesión ordinaria, acordou elevar a definitiva a aprobación do proxecto de expropiación dos terreos afectados pola urbanización do entorno da igrexa de San Martiño de Lestón. Faise unha vez superado o período de exposición pública trala aprobación provisional sen terse presentado alegacións.

O expediente comprende catro parcelas que suman unha superficie total de 2.981 metros cadrados. O Concello investirá 64.000 na súa adquisición. Na Xunta de Goberno Local tamén quedou fixado o 29 de decembro como a data na que se procederá a levantar as actas de pagamento do prezo e previas á ocupación dos terreos.

Ese será o último trámite administrativo antes de que as parcelas pasen a ser de titularidade municipal, o que permitirá ao Concello estar en disposición de executar as obras previstas nunha actuación dirixida a transformar por completo o ámbito e mellorar os seus equipamentos e condicións de accesibilidade.

Contémplase a creación dun espazo de uso público que funcionará como praza e zona de aparcamento, con capacidade para aproximadamente sesenta turismos e tamén autobuses. Para favorecer a integración da actuación no entorno, está previsto empregar un pavimento de celosía de formigón que permita o crecemento do céspede e, ao mesmo tempo, a circulación e estacionamento dos vehículos.
A actuación prevé franxas vexetais como elementos de transición entre os distintos espazos, unha nova rede de iluminación pública e a mellora dos itinerarios peonís cara o adro e o cemiterio. Do mesmo xeito, melloraranse as conexións viarias enlazando as dúas estradas que conflúen no Igrexario de Lestón e que o comunican coa AC-552 desde as Rañeiras e Fofelle.

Adxudicación de contratos

Adxudicouse á empresa larachesa Instalaciones Eléctricas Cabliseña, con sede en Paiosaco, o contrato de deseño, subministración e instalación da iluminación ornamental de Nadal e de Entroido. Ten unha duración de dous anos e un importe total de 115.000 euros.
Tamén se adxudicou o contrato de subministración do mobiliario da Casa do Concello, neste caso por un importe de 51.000 euros.

Convocatorias de axudas

Na Xunta de Goberno Local autorizouse concorrer a convocatorias de subvencións doutras administracións.

Dúas delas son con cargo a programas de promoción do emprego promovidos pola Deputación da Coruña. A través do programa PEL Concellos preténdese crear unha cuadrilla de obras e servizos por un período de entre cinco e seis meses formada por seis efectivos: tres peóns, un capataz e dúas persoas para servizos xerais. E ao abeiro da convocatoria dirixida á contratación de persoal para a limpeza de praias marítimas, o Concello presenta unha proposta para a incorporación de seis traballadores que prestarían servizo durante tres meses no areal de Caión.

Ademais, o Concello tamén concorre ás convocatorias da Deputación para o desenvolvemento dun novo programa relacionado coa promoción económica, e da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) para a posta en marcha de proxectos socioculturais, coeducativos e para a sensibilización no ámbito local que promovan a igualdade efectiva entre mulleres e homes.
Licencia urbanística

Por último, foi concedida a licencia de obra para a construción dunha vivenda unifamiliar na urbanización Monte Claro, do Cancelo do Medio da parroquia de Cabovilaño.

Deja un comentario