Wednesday 18 de November de 2026

O Concello convoca a veciñanza o día 1 de decembro no Obradoiro para “prender o Nadal a coro”


O acendido do alumeado o martes 1, co Coro da Ra e unha proposta de canto colectivo, marca o inicio dunha programación participativa, intensa e diversa deseñada para gozar todos os públicos, con especial incidencia no público familiar.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, a concelleira de Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, e a concelleira de Festas e Deportes, Pilar Lueiro, presentaron este mércores en rolda de prensa o avance da programación do Nadal, que se consolida como a terceira festa de Santiago, marcado polos referentes picheleiros.

“Achégase o tempo de que ‘A estrela de Nadal’ volva á rúa”, sinalou Goretti Sanmartín e lembrou que a práctica totalidade dos departamentos municipais traballan de xeito transversal para desenvolver este programa.

A rexedora presentou a imaxe do Nadal compostelán, que un ano máis está protagonizada pola estrela de oito puntas, a Estrela de Santiago, consolidando a marca identitaria da cidade. Este ano incorpora, ademais, os raios de luz do emblema do Concello.

A festa do acendido

A alcaldesa fixo un chamamento á implicación activa da veciñanza, e animou a todas as persoas a participar o próximo día 1 e ser protagonistas no acendido das luces, que contará coa actuación do Coro da Ra, con 50 voces e máis de 30 anos de traxectoria en Santiago, e cunha proposta de canto colectivo, co lema “Compostela prende o Nadal a coro”.

Ás 18.30 horas dará comezo o pasarrúas, con dous percorridos que contarán con música e voces de Ultreira. Unha formación sairá desde Casas Reais e a outra, desde o mercado de Nadal de Carreira do Conde. Á súa chegada ao Obradoiro, xuntaranse nun último tema conxunto para dar paso despois á actuación do Coro da Ra.

Ás 19.00 horas no Obradoiro terá lugar o acendido da árbore e das luces na fachada do Pazo de Raxoi. Todas as persoas asistentes están convidadas a interpretar xunto co Coro da Ra o tema “Nadal de Luintra”. Para facilitar a participación, repartirase na propia praza a letra da canción. Así, Goretti Sanmartín animou a cumprir o reto de que “a veciñanza de Santiago se xunte na súa praza máis emblemática e una as súas voces a coro para dar a benvida a un tempo, sobre todo para as máis cativas, de ilusión e de maxia”.

Despois do acendido quedará aberto o xardín de xogos do Obradoiro, preparado polo departamento de Parques e Xardíns, e repartirase chocolate sen glute e sen lactosa.

Avance do programa

A alcaldesa puxo o foco nas “sorpresas” que se irán desvelando, pero avanzou algunhas das principais citas do programa de Nadal.

Ademais da praza do Obradoiro como zona central de xogo, os máis cativos gozarán tamén da Alameda con programación o público miúdo.

Volve o mercado de Nadal e carpa da praza Roxa consolídase como punto de encontro para a música, o baile, a impro, a maxia e os obradoiros, cunha programación promovida principalmente polos departamentos de Cultura e Xuventude.

Entre os clásicos do Nadal compostelán, consolídase a actividade “Estrelas e Desexos” o día 30 de decembro no entorno do palco da Alameda, a tradicional ruada do Apalpador, os obradoiros de circo na Casa das Máquinas, o xardín das oito puntas, a programación da Tropa C no Auditorio, o programa especial dos Centros Socioculturais (CSC), a Carreira de San Silvestre, a festa de Fin de Ano ou a tradicional Cabalgata de Reis.

Actividades diversas por toda a cidade

Pola súa parte, María Rozas deu conta das actividades programadas ao longo de todo o mes, dirixidas a públicos diversos e espalladas por diferentes puntos de Santiago. Así, explicou que se manteñen como puntos neurálxicos o Obradoiro e as carpas da Praza Roxa e da Alameda, pero que as actividades chegan tamén a outros espazos como o Centro Xove da Almáciga, os CSC ou a Carreira do Conde.

Os Centros Socioculturais ofrecerán máis de 70 actividades como obradoiros de cociña ou de decoración, e unha ampla oferta de artes escénicas espallada por toda a cidade.

“O obxectivo é que calquera persoa teña moito que ver e que facer en Santiago durante todo o mes de decembro, e que Compostela siga sendo referente por esta maneira de entender o Nadal como unha celebración que pensa en todo o mundo, participada por todos e todas”, sinalou María Rozas.

Mercado de Nadal

O Mercado de Nadal da Carreira do Conde poderase visitar desde o venres 27 de novembro ata o 5 de xaneiro. A él sumarase o Mercado de Nadal de Área Central desde o 21 de decembro ata o 5 de xaneiro.

A concelleira de Promoción Económica e Xuventude explicou que un dos Mercados contará con 15 casetas e que pasarán por elas un total de 90 expositores en diferentes quendas. Participarán empresas e artesáns de alimentación, decoración de Nadal, xoguetes e regalos singulares, xoiaría e bixutería, coiro, ilustración, téxtil e complementos, cosmética e velas ou cerámica e madeira. Tamén haberá postos de ONG con produtos solidarios. “A práctica totalidade dos expositores serán galegos e a metade deles, de Santiago e a súa comarca”, engadiu María Rozas.

Propostas para a mocidade

María Rozas puxo o foco nas propostas deseñadas para o publico mozo, que “este ano vai ter unha gran presenza na programación de Nadal”, sinalou, e avanzou que poderán gozar dos concertos do Son Xove e das sesións vermú na Praza Roxa, algunha outra proposta musical no Centro Xove da Almáciga e no Centro Sociocultural da Trisca; roteiros musicais pola rúa; e unha celebración especial do Fin de Ano para a Mocidade.

Máis alá da música, a programación para a xuventude inclúe, con diferentes probas pola zona vella para coñecer a historia da cidade, e volverán as Noitiñas de Nadal en colaboración coa asociación Itaca.

Iluminación de Nadal

A continuación, Pilar Lueiro deu conta da iluminación de Nadal, que inclúe 2.935 metros de corredores luminosos en rúas, 290 arcos, 296 motivos colocados en farolas, seis carteis e oito elementos singulares.

Tamén contempla a colocación de dous paraugas de grilandas nas prazas do Toural e de Cervantes, dúas cortinas de luz en fachadas, e a iluminación artística do Pazo de Raxoi, así coma a árbore transitable de 20 metros de altura na praza do Obradoiro.

Ademais, contarase coa iluminación da praza das Praterías e do edificio do antigo Concello en Cervantes, instalacións na praza Roxa e na praza de Galicia, a iluminación de 125 árbores, de dúas rotondas e da contorna do Belén de Conxo, dúas árbores tridimensionais de cinco metros e catro conxuntos de figuras tridimensionais terrestres, ademais dos elementos singulares en 23 parroquias.

A estes elementos contratados polo Concello, súmase o esforzo de iluminación que realiza o departamento de Turismo no Paseo da Ferradura e da praza da Quintana.

O Nadal no rural

A concelleira de Festas anunciou que este ano se reforza a programación no rural compostelán. Alén dos 23 puntos de iluminación con elementos singulares que se instalarán nas parroquias, reforzaranse a as actividades específicas nos CSC. Nese sentido, destacou a incorporación do programa “Exploradores do Inverno”, que se desenvolve nos CSC da Gracia, Marrozos, Figueiras, Bando, Laraño e Nemenzo con actividades para facilitar a conciliación familiar durante as festas de Nadal.

Ademais, este ano o Concello descentralizará cara o rural algunha das actividades específicas do programa de Nadal, que se concretará nas próximas semanas.

Carreira de San Silvestre

Outro clásico que medra ano a ano en participación é a Carreira de San Silvestre, que nos últimos anos ronda as 2.200 persoas inscritas. A responsable municipal de Deportes fixo un chamamento a toda a xente deportista de Santiago, de toda idade e condición, para esgotar os dorsais neste 2026 e cumprir o reto é chegar ás 2.500 inscricións.

“Animamos a todo o mundo a que se anote e saia á rúa con espírito deportivo e festivo para pechar o ano con humor, deporte e boas vibracións”, concluíu.

Festa de Fin de Ano

Finalmente, Pilar Lueiro informou de que a Festa de Fin de Ano estará amenizada pola orquestra Miramar e convidou a que todo o mundo goce de toda a programación que se desenvolverá ao longo de todo o mes de decembro e ata o día de Reis.

Deja un comentario