Wednesday 18 de November de 2026

O Concello organiza obradoiros e contacontos de concienciación contra a violencia machista nos colexios e institutos


Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello está a organizar distintas actividades nos centros de ensino público. Estas iniciativas forman parte dun traballo continuado ao longo do curso escolar coa comunidade educativa, co fin de promover unha educación en igualdade e avanzar na prevención das violencias machistas desde idades temperás.

Esta semana comezaron as actividades no CEIP Valle Inclán, que se levarán tamén polos demais colexios e institutos durante os vindeiros días e semanas. Ademais da instalación dun Punto Violeta no recreo —un espazo atendido por profesionais especializadas onde alumnado e profesorado poden informarse, participar en xogos de sensibilización e ampliar coñecementos sobre os diferentes tipos de violencias machistas, o consentimento e os recursos dispoñibles— organízanse obradoiros en aula, dirixidos este ano ao alumnado de 3º e 4º de primaria, e 1º e 2º da ESO. Con estas acción preténdese contribuír a que a infancia e a mocidade recoñezan o valor dos límites persoais, cuestionen as actitudes machistas e comprendan que as relacións deben construírse desde a liberdade e o bo trato. A prevención require ofrecer espazos nos que poder expresar dúbidas e aprender a identificar situacións que xeran malestar, discriminación ou violencia.

A programación educativa completarase os días 25 e 26 de novembro co contacontos «Na túa man, contos pola igualdade», con Raquel Queizás, dirixido ao alumnado de educación infantil de todos os colexios públicos –agás o Parga Pondal que declinou participar-. Esta actividade achegará a igualdade ás crianzas a través da narración oral.

Co impulso destas actividades, o Concello reafirma o seu compromiso coa construción dun municipio libre de violencias machistas e coa promoción de espazos educativos que garantan o respecto, a igualdade e a liberdade para a infancia e a mocidade.

Deja un comentario