Wednesday 18 de November de 2026

O Concello de Carballo abre o novo aparcadoiro situado xunto ao viveiro de empresas e continúa mellorando os servizos do polígono de Bértoa


Xa está aberto o novo aparcadoiro público situado xunto ao viveiro de empresas do polígono industrial de Bértoa, unha nova actuación do Concello de Carballo para seguir mellorando as infraestruturas e os servizos dun dos principais motores económicos do municipio.

O alcalde, Daniel Pérez, achegouse ata as novas instalacións acompañado polos concelleiros Luis Lamas, Miguel Vales e Juan Seoane, así como por un representante da empresa encargada da execución das obras. A retirada das vallas permitiu abrir definitivamente ao uso público o novo estacionamento.

O aparcadoiro foi executado nunha parcela municipal anexa ao viveiro de empresas. A actuación permitiu acondicionar 1.080 metros cadrados e crear un vial de acceso de 95 metros, ademais de executar a pavimentación, drenaxe e sinalización. O investimento ascendeu a 48.298,38 euros, dos cales o 80 % proceden dunha subvención da Consellería de Economía e Industria.

A apertura do aparcadoiro completa unha das principais actuacións municipais desenvolvidas este ano no parque empresarial. Ao longo deste 2026 o Concello impulsou tres investimentos que suman 241.575,22 euros: o novo aparcadoiro, a báscula para vehículos pesados e as casetas de servizo para transportistas, que entrarán en servizo en datas próximas.

A estes investimentos hai que engadir a renovación da sinalización viaria horizontal de todo o parque empresarial, realizada pola brigada municipal de obras con medios propios.

Estas actuacións forman parte dunha política municipal de mellora progresiva do parque empresarial de Bértoa que se vén desenvolvendo nos últimos anos. Desde o Concello de Carballo queremos acompañar o crecemento da actividade empresarial con investimentos en infraestruturas, mobilidade e novos servizos, co obxectivo de mellorar as condicións de traballo e a competitividade das empresas asentadas no noso polígono.

Deja un comentario