Wednesday 18 de November de 2026

O Concello de Carballo destina máis de 180.000 euros a apoiar a actividade dos clubs e a organización de eventos deportivos


As subvencións municipais permitirán financiar a actividade ordinaria de 19 entidades deportivas e a celebración de 11 iniciativas e competicións ao longo de 2026

A Xunta de Goberno Local do Concello de Carballo aprobou a concesión definitiva de 180.726,66 euros en subvencións destinadas ao tecido deportivo local, distribuídas en dúas liñas de axudas para financiar a actividade ordinaria dos clubs e asociacións e a organización de eventos e actividades deportivas de carácter extraordinario.

Con esta achega, o Concello continúa apoiando o traballo que desenvolven as entidades deportivas do municipio, tanto na promoción do deporte de base e na formación de novos deportistas como na participación en competicións oficiais e na organización de actividades que contribúen a dinamizar a vida deportiva de Carballo.

A maior parte do investimento, 167.000 euros, destínase ao financiamento dos proxectos de actividade xeral de 19 entidades deportivas. Esta liña de subvencións abrangue unha ampla variedade de disciplinas, entre elas o balonmán, o baloncesto, o fútbol, o voleibol, o hóckey a patíns, a natación, o atletismo, o triatlón, a ximnasia rítmica, o ciclismo, o xadrez, o judo, o karate e o salvamento e socorrismo.

Relación de subvencións para a actividade xeral
As cantidades concedidas definitivamente a cada entidade son as seguintes:
Entidade deportiva Subvención
Escolas Balonmán Xiria 25.723,32 €
Escola Basket Xiria 19.807,67 €
SD Sofán 17.401,14 €
Agrupación Deportiva Fogar 16.173,79 €
Salvamento y Socorrismo Carballo 13.104,00 €
Escola Lubiáns de Hóckey a Patíns 12.500,00 €
Asociación Deportiva Xiria 11.750,00 €
Escolas de Fútbol Luis Calvo Sanz 11.530,84 €
Club Rítmica Carballo 7.738,25 €
Club Baloncesto Artai 4.736,49 €
SD San Lorenzo de Berdillo 4.328,32 €
Judo Club Bergantiños 4.047,71 €
SD Oza 3.940,00 €
Club Ciclista Carballo 3.877,63 €
Karate-Do Carballo 3.356,08 €
Club Xadrez O Toque Xiria 3.165,00 €
Club Ciclista Monteneme 1.819,76 €
Club Fútbol Cances 1.000,00 €
Virgentis Salvamento Bergantiños 1.000,00 €
TOTAL 167.000,00 €
A distribución das axudas realízase de acordo cos criterios de valoración establecidos nas bases da convocatoria, tendo en conta os proxectos presentados polas entidades.

Apoio á organización de competicións e eventos
A segunda liña de subvencións, dotada con 13.726,66 euros, permitirá colaborar no financiamento de 11 actividades deportivas de carácter extraordinario promovidas por entidades locais.

As subvencións concedidas son as seguintes:
Entidade e actividade Subvención
AD Fogar. IV Memorial Pedro Luis Fernández 1.500,00 €
Club Fútbol Cances. II Torneo Internacional Veteranos Costa da Morte 1.500,00 €
Club Rítmica Carballo. II Torneo Club Rítmica Carballo 1.275,00 €
Club Rítmica Carballo. IV Gala Nadal Rítmica Carballo 960,00 €
Club Rítmica Pangea Carballo. Festival de Inverno de Ximnasia Rítmica 1.495,00 €
Club Xadrez O Toque Xiria. III Torneo Escolar Concello de Carballo 1.120,00 €
Club Xadrez O Toque Xiria. IX Aberto Concello de Carballo Clásico 1.500,00 €
Judo Club Bergantiños. Campionato do Nadal 2026 1.500,00 €
Salvamento y Socorrismo Carballo. XXX Memorial Carlos Servando 1.500,00 €
SD Oza. VI Triangular SD Oza 420,00 €
SD Oza. I Oza Cup 956,66 €
TOTAL 13.726,66 €
Estas iniciativas contribúen a ampliar a oferta deportiva municipal, fomentar a participación e favorecer o encontro entre deportistas, clubs e afeccións de diferentes procedencias, ademais de reforzar a proxección de Carballo como sede de competicións deportivas.

Máis recursos para o deporte local
A concesión definitiva das subvencións incorpora un incremento de 2.726,66 euros respecto das dotacións inicialmente previstas para estas dúas liñas de axudas. Este incremento é posible grazas á redistribución de fondos que quedaron dispoñibles tras a resolución doutra convocatoria municipal destinada á participación e organización de fases finais de ascenso a competicións nacionais e campionatos de España.

Deste xeito, o Concello aproveita os recursos existentes para ampliar o apoio económico ás entidades deportivas e favorecer que os fondos públicos destinados ao fomento do deporte repercutan directamente na actividade dos clubs.

O concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, destaca a importancia de manter unha colaboración estable coas entidades que desenvolven a súa actividade no municipio, tanto polo seu papel na formación deportiva como pola súa contribución á participación social, á convivencia e á promoción de hábitos de vida saudables.

A través destas convocatorias, o Concello de Carballo reafirma o seu compromiso cun modelo deportivo plural, participativo e accesible, no que os clubs e asociacións desempeñan un papel fundamental para achegar a práctica deportiva á veciñanza de todas as idades.

Deja un comentario