O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, participou esta mañá na xuntanza do Concello de Santiago e Xestión do Solo de Galicia-Xestur -representada polo seu xerente, Diego Toja García- cos propietarios de parcelas con aproveitamento lucrativo do polígono da Sionlla para dar conta do protocolo asinado por ambas administracións. Na xuntanza os propietarios escolleron as súas dúas persoas que os representarán na mesa técnica que precederá á formalización dun convenio definitivo.
Iago Lestegás destacou ante os propietarios a importancia deste protocolo asinado o 6 de novembro para “desbloquear a situación anómala” provocada polo facto de non se ter constituído, once anos despois da recepción das obras de urbanización en 2015, a Entidade Urbanística de Conservación (EUC) prevista no Proxecto Sectorial aprobado en 2007.
O concelleiro destacou o convencemento compartido, por parte do Concello e de Xestur, da necesidade dunha “solución ordenada, realista, negociada e estable” á actual situación do polígono. Do mesmo modo, Concello e Xestur coinciden na necesidade de constituír a EUC e determinar as obrigas que cada parte debe asumir.
O protocolo, asinado tras meses de diálogo, establece un marco de colaboración entre o Concello e Xestur e suxire un posible esquema de solución tripartita que inclúa tamén os propietarios de parcelas con aproveitamento lucrativo. Non obstante, prevé a constitución dunha mesa técnica de traballo que determirá os gastos exactos que son necesarios para poñer a punto o polígono e proporá unha distribución xusta. Será un convenio asinado por todas as partes o que estableza importes e repartos concretos en base á análise da mesa técnica.
Mesa técnica de traballo
O protocolo asinado prevé na súa cláusula 4ª a constitución desta mesa técnica de traballo no prazo de 20 días hábiles após a sinatura. Na reunión desta mañá, os propietarios das parcelas con aproveitamento lucrativo tiveron a oportunidade de designar as dúas persoas que os representarán nesta mesa, onde tamén estarán presentes Concello e Xestur. Os traballos técnicos, xurídicos e económicos desenvolvidos pola mesa permitirán trasladar unha proposta final aos propietarios, constituír a EUC e formalizar o convenio.
“Nesta xuntanza quedou clara a vontade de todas as partes de resolver esta situación canto antes”, sinalou Iago Lestégas ao remate. O Concello estima un custo aproximado de 800.000 € para a reparación do alumeado público e da rede viaria.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.