A música comezará á unha da madrugada e continuará con DJ Oski & Hugo até as 6, cando se servirá o tradicional chocolate con churros
O Concello de Fene avanza a programación ante a expectación que xa está a xerar unha celebración que vén consolidándose como unha das grandes citas festivas desa noite na comarca
Aínda queda máis dun mes para despedir o ano, pero Fene xa coñece quen será a encargada de poñerlle música á entrada no 2027. A orquestra Olympus protagonizará a Festa de Aninovo organizada polo Concello de Fene na praza do Alcalde Ramón José Souto González, cunha celebración que se prolongará durante toda a madrugada.
O Concello decidiu adiantar os principais detalles da programación ante a expectación que a celebración está a xerar e as conxecturas que comezaron a circular nas últimas semanas. A cita manterá o formato das edicións anteriores e ofrecerá unha alternativa para celebrar a chegada do novo ano sen saír do municipio.
A festa comezará ás 01.00 horas da madrugada do 1 de xaneiro, coa actuación da orquestra Olympus. Unha vez finalizada, a música continuará da man de DJ Oski & Hugo, que se encargarán de manter o ambiente na praza do Concello ata as 06.00 horas.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, explicou que “sabemos que nas últimas semanas xa se estaba falando bastante sobre a Festa de Aninovo e sobre quen actuaría nesta edición, polo que consideramos oportuno confirmar a programación principal unha vez que está pechada”.
Permuy sinalou que “o formato permitirá celebrar toda a madrugada en Fene, comezando coa orquestra á unha e continuando despois coa sesión dos DJ ata as seis da mañá”.
Olympus para recibir o novo ano
A actuación de Olympus será o prato forte da madrugada. A formación subirá ao escenario á unha, xa iniciado o 2027, para abrir unha programación que enlazará posteriormente coa sesión de DJ Oski & Hugo.
A concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira, indicou que “a idea é manter unha programación continuada ao longo da noite, cunha primeira parte protagonizada pola orquestra e unha segunda coa sesión dos DJ, de maneira que haxa música desde a unha da madrugada ata as seis”.
A Festa de Aninovo volverá contar tamén con servizo de gardarroupa, facilitando que as persoas asistentes poidan deixar os seus abrigos durante a celebración.
Chocolate con churros para rematar a madrugada
A celebración chegará ao seu final ás seis da mañá e, como peche da noite, o Concello ofrecerá chocolate con churros ás persoas asistentes.
Sandra Permuy destacou que a programación está concibida como “unha celebración aberta na que poden coincidir persoas de diferentes idades e que ofrece a posibilidade de recibir o ano e continuar a noite no propio municipio”.
Pola súa banda, Ángeles Coira explicou que “aínda queda tempo para o 31 de decembro e nas próximas semanas iremos lembrando toda a información práctica da festa, pero ante o interese que xa estaba espertando pareceunos conveniente confirmar desde agora os horarios e os nomes que protagonizarán a noite”.
Deste xeito, Fene despedirá 2026 e recibirá 2027 na praza do Concello, consolidando unha das grandes citas festivas da primeira noite do ano en Fene e na comarca.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.