Monday 16 de November de 2026

Mercedes Rosón pide explicacións ao goberno local pola cancelación dos voos de Fly2Galicia


• A aeroliña romanesa Flyyo non realizará as viaxes previstas a partir do vindeiro 1 de decembro para Fly2Galicia.
• A concelleira Non Adscrita insta a que se cumpra co acordo plenario de setembro e se active un dispositivo de atención e asesoramento ás persoas afectadas a través da OMIC.

A candidata á alcaldía de Santiago Mercedes Rosón, pide explicacións ao goberno local tras a decisión de Flyyo de non operar ningún dos voos vendidos por Fly2Galicia e previstos a partir do vindeiro 1 de decembro, con orixe e destino o aeroporto de Lavacolla.
Flyyo comunicaba esta mañá que non realizará ningunha das viaxes previstas no aeroporto de Santiago de Compostela debido ao incumprimento do contrato de fletamento por parte de Fly2Galicia. Segundo explicacións da aeroliña, a empresa non realizou os pagos contractuais establecidos, o que levou a resolver dito acordo.

Mercedes Rosón recordou que o grupo das non adscritas xa advertira este verán dos riscos que implicaba o proxecto Fly2Galicia, cando se deu a coñecer a información acerca dos seus vínculos con Israel e as dúbidas sobre a solvencia e capacidade económica da compañía. De aí que, “nada máis ser sabedoras destes datos, pedimos ao goberno local actuar con prudencia e transparencia”, indicou.
A concelleira manifestou o seu malestar ante unha decisión que supón un custo enorme para todas aquelas persoas que xa tiñan mercado un billete. Ao seu xuízo, esta situación débese, entre outros, a unha “mala xestión do goberno municipal”, a quen acusa de non ter actuado con dilixencia desde o comezo do proxecto.

Cumprir co acordo plenario e activar a OMIC
“A alcaldesa Sanmartín e o seu equipo de goberno deben dar a cara e estar a altura das circunstancias”, manifestou Rosón. Lembrou que as non adscritas xa reclamaran no pleno de setembro a posta en marcha dun servizo de asesoramento e acompañamento para as persoas que adquirisen billetes de Fly2Galicia, a través da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC).

Neste sentido, Rosón pide que a OMIC habilite un dispositivo específico para informar aos usuarios e usuarias, así como axudalos no proceso de reclamación para recuperar o importe dos billetes adquiridos.
“A señora Sanmartín e a concelleira de Turismo deben dar explicacións e asumir as responsabilidades dunha situación que elas mesmas favoreceron a que se producira. O Concello non pode limitarse a observar”, sentenciou a candidata á alcaldía de Santiago.

Deja un comentario