Monday 16 de November de 2026

Novembro con Música achega a Carballo cinema, teatro e arte cunha función escolar, un documental e unha exposición


 

 Esta semana, Novembro con Música dá paso ao cinema, á arte e ao teatro cunha programación que convida a reflexionar sobre a memoria colectiva, a insubmisión e a realidade das mulleres migrantes. O documental Crónicas dun non! e a función escolar Sophie non é o meu nome de guerra serán as dúas propostas desta semana no Pazo da Cultura, ademais da chegada da exposición do XIX Certame de Arte Isaac Díaz Pardo da Deputación da Coruña.

 

O auditorio acolle o xoves 19 de novembro, ás 20.00 horas, a proxección de Crónicas dun non!, unha longametraxe documental de 70 minutos dirixida por Fernando Rodríguez Gómez, coñecido como Peñaño. A peza reconstrúe a historia do movemento de insubmisión e obxección de conciencia en Galicia durante a década de 1990, unha das maiores experiencias de desobediencia civil en España, que contribuíu ao final do servizo militar obrigatorio.

 

O documental combina a experiencia persoal do propio director, que foi encarcerado en 1989 por negarse a realizar o servizo militar, cos testemuños doutras persoas protagonistas daquela loita colectiva. Producido por Taller de Insomnios e Serea Films, estreouse en xullo de 2025 en Santiago de Compostela e participou desde entón en diferentes proxeccións e ciclos de cinema social en Galicia. A sesión está organizada pola Deputación da Coruña e a Concellaría de Cultura.

 

A programación inclúe tamén teatro coa función escolar de Sophie non é o meu nome de guerra, de Redrum Teatro, o martes 17 de novembro, ás 10.30 horas. Escrita por Roberto Pascual, gañador do Premio Rafael Dieste 2021, e dirixida por Laura Míguez, a obra está inspirada en feitos reais e narra a viaxe dunha muller migrante desde Camerún ata A Coruña. A montaxe aborda a migración e a trata de mulleres con fins de explotación sexual a través dunha proposta de teatro contemporáneo que combina interpretación, recursos audiovisuais e elementos poéticos. Está organizada pola área de Igualdade da Deputación da Coruña e o Concello de Carballo.

 

Por último, a partir do mércores 18 de novembro, o andar -1 do Pazo da Cultura acolle a exposición do XIX Certame de Arte Isaac Díaz Pardo. Organizada pola Deputación da Coruña e a Concellaría de Cultura, a mostra reúne unha selección das obras presentadas a esta convocatoria, creada para apoiar a creación artística e dar visibilidade á produción plástica contemporánea. Entre as pezas participantes atópase Intervalo 2024, de Ana Isabel Gesto Beiroa, gañadora desta edición. A exposición poderá visitarse ata o 8 de decembro no andar -1 do Pazo da Cultura. O horario de visita será de luns a sábado, de 17.00 a 21.00 horas.

Deja un comentario