Monday 16 de November de 2026

O Concello de Carballo aproba unha oferta de emprego público con 18 prazas para reforzar os servizos municipais


A Xunta de Goberno Local do Concello de Carballo aprobou na sesión ordinaria deste luns a Oferta de Emprego Público (OEP) correspondente ao ano 2026, integrada por un total de 18 prazas, co obxectivo de avanzar na cobertura das necesidades de persoal da Administración municipal e reforzar a prestación dos servizos públicos.

A oferta inclúe 13 prazas de persoal funcionario de carreira, catro de persoal laboral fixo e unha de persoal laboral fixo a tempo parcial, e abrangue diferentes áreas da organización municipal, desde a seguridade cidadá ata os servizos técnicos, administrativos, culturais e deportivos.

Un dos ámbitos que se verá reforzado é o da Policía Local, para a que se prevén catro novas prazas, tres mediante acceso libre e unha polo sistema de mobilidade. A oferta tamén incorpora unha praza de técnico medio de Medio Ambiente, outra de técnico medio de Secretaría e unha de técnico medio de Patrimonio, esta última mediante promoción interna.

No ámbito administrativo convócanse dúas prazas de auxiliar administrativo, unha delas reservada a persoas con discapacidade, así como unha praza de subalterno.

A programación cultural municipal tamén ten presenza na nova oferta, con tres prazas de axentes de dinamización cultural mediante promoción interna e unha de profesor ou profesora de violín para o Conservatorio Profesional de Música (CMUS), neste caso con contratación laboral fixa a tempo parcial.

Pola súa banda, a área de Deportes contará con catro prazas de persoal laboral fixo: dúas de ordenanza-conserxe de instalacións deportivas e dúas de monitor-socorrista.

Dar resposta ás necesidades municipais
A Oferta de Emprego Público de 2026 responde á planificación dos recursos humanos municipais e á necesidade de cubrir prazas vacantes e dotadas orzamentariamente no cadro de persoal e na relación de postos de traballo do Concello.

A proposta foi tratada na Mesa Xeral de Negociación nas sesións celebradas os días 30 de xuño e 6 de novembro, nas que acadou a súa aprobación, e conta cos correspondentes informes xurídicos e de control financeiro.

A Xunta de Goberno Local acordou, así mesmo, a publicación da oferta no Boletín Oficial da Provincia e na sede electrónica municipal. As convocatorias dos procesos selectivos deberán realizarse no prazo máximo de tres anos desde a publicación da oferta, de acordo coa normativa vixente.

A aprobación da OEP constitúe un novo paso na planificación e organización dos recursos humanos do Concello, orientada a garantir a continuidade, a eficacia e a calidade dos servizos que se prestan á cidadanía.

Deja un comentario