Monday 16 de November de 2026

O queixo Brandiño de Lácteos de Moeche consegue unha medalla de prata nos World Cheese Awards 2026


O queixo extracremoso elaborado en Moeche recibe un recoñecemento internacional nun dos certames máis prestixiosos do sector, que reuniu en Córdoba 5.330 queixos procedentes de 45 países

O xerente da empresa, Domingo Pérez, destaca que o galardón “é un orgullo para todo o equipo e un recoñecemento ao traballo que se leva facendo en Moeche desde hai case setenta anos”.

O queixo Brandiño, elaborado por Lácteos de Moeche, vén de conseguir unha medalla de prata nos World Cheese Awards 2026, un dos concursos internacionais máis prestixiosos do sector queixeiro, celebrado o pasado 12 de novembro en Córdoba, no marco do Andalucía Gusto del Sur International Cheese Festival.

O recoñecemento chega nunha edición especialmente competitiva, que bateu o récord de participación con 5.330 queixos procedentes de 45 países. Un xurado formado por 270 especialistas internacionais, entre os que se atopaban profesionais do sector, expertos en afinado, comerciantes e divulgadores, avaliou as diferentes elaboracións atendendo a aspectos como a aparencia, o aroma, a textura e, especialmente, o sabor.

Neste contexto, a distinción de prata conseguida polo Brandiño supón un importante respaldo á calidade dos produtos de Lácteos de Moeche e permite situar unha das súas elaboracións máis características entre os queixos recoñecidos internacionalmente.

O Brandiño é un queixo de vaca que destaca pola súa textura extracremosa, a súa suavidade e o seu sabor delicado. Estas características convérteno nun dos produtos máis representativos da queixería, que leva elaborando queixos en Moeche desde 1957.

Un recoñecemento ao traballo de todo o equipo

O xerente de Lácteos de Moeche, Domingo Pérez, amosou a súa satisfacción polo resultado conseguido e subliña a importancia de recibir unha distinción nun concurso destas características.

“Para nós é unha satisfacción enorme conseguir unha medalla de prata nun certame no que participan miles de queixos de todo o mundo. É un orgullo para todo o equipo e un recoñecemento ao traballo que levamos facendo en Moeche desde hai case setenta anos”, sinala.

Pérez destaca tamén que o premio representa un estímulo para continuar apostando pola calidade e pola mellora continua dos procesos de elaboración.

“Cando traballas todos os días no mesmo produto, buscando que cada queixo manteña a calidade que nos caracteriza, recibir unha valoración deste nivel é especialmente importante. Confirma que estamos facendo ben as cousas e anímanos a seguir mellorando”, explica.

O xerente quere compartir este recoñecemento co conxunto das persoas que forman parte da actividade da empresa, desde os gandeiros que fornecen a materia prima ata o persoal que participa nos diferentes procesos de elaboración.

“Detrás de cada queixo hai moito máis que unha receita. Hai gandeiros, hai persoas traballando na queixería, hai experiencia acumulada e hai un compromiso coa calidade que mantemos desde as nosas orixes. Esta medalla é tamén un recoñecemento a todas e todos eles”, engade.

Unha empresa vinculada ao territorio desde 1957

Fundada en 1957, Lácteos de Moeche conta cunha longa traxectoria na transformación de leite de vaca e na elaboración de diferentes variedades de queixo. Ao longo destas décadas, a empresa foi incorporando novas instalacións, tecnoloxía e procesos de control, mantendo a súa actividade no municipio coruñés.

A empresa mantén ademais unha estreita vinculación coa gandaría da contorna e co territorio no que desenvolve a súa actividade, unha relación que tamén se reflicte na súa participación en iniciativas de promoción do produto local, como a marca KB0 Ortegal, vinculada ao Xeoparque Mundial da UNESCO Cabo Ortegal.

Neste sentido, Domingo Pérez considera que o galardón ten tamén unha dimensión territorial.

“É unha alegría poder levar o nome de Moeche a un concurso internacional destas características e demostrar que desde o rural galego podemos elaborar produtos capaces de competir e recibir recoñecementos ao máis alto nivel. Temos unha materia prima excelente e profesionais que saben traballala, e iso é algo do que debemos sentirnos orgullosos”, conclúe.

A medalla de prata do Brandiño convértese así nun novo fito na traxectoria de Lácteos de Moeche, reforzando a proxección da marca e o seu compromiso coa elaboración de queixos de calidade desde o rural galego.

Deja un comentario