A voceira do goberno municipal, Míriam Louzao, deu conta en rolda de prensa dos principais asuntos tratados en Xunta de Goberno, entre os que salientou tamén o proxecto para estabilizar o noiro da rúa dos Caraveis, dous expedientes de licitación de obras do POS, a adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e a aprobación definitiva de Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello.
A Xunta de Goberno aprobou na sesión ordinaria celebrada este luns o proxecto de rehabilitación de firmes asfálticos no ámbito urbano, co que se actuará sobre unha superficie aproximada de 15.600 metros cadrados de 17 rúas cun orzamento de 385.166,26 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de catro meses.
As rúas que se mellorarán con este proxecto son Rial de Conxo, Poza Real de Arriba, Volta do Castro de Abaixo, Limpadoiro, vías aparcadoiro do Multiúsos Fontes do Sar, Vite de Arriba (camiño do Regueiro), vías da Granxa de San Lázaro, Cubelo, Vinte e Cinco de Xullo, Penamaría, Altiboia, Mallou, Vite de Arriba, Vías de Lermo, Rúa do Carballo, avenida do Cruceiro da Coruña e avenida Xoán XXIII. O alcance e contido das actuación varían en función das principais necesidades de cada vía.
Estabilización do noiro da rúa dos Caraveis
Míriam Louzao informou tamén da aprobación do proxecto para estabilizar o noiro da rúa dos Caraveis, cun orzamento de 122.788,68 € (IVE incluído) e un prazo de execución de tres meses. Explicou así que “segundo consta, a causa do derrubamento dunha parte da vía foi o desmonte realizado nunha parcela privada sen as autorizacións necesarias, polo que se incoou un expediente de reposición da legalidade”. Dado que a obra afecta a unha vía pública, o Concello encargarase de executala e iniciará as accións legais oportunas para reclamar o que corresponda á responsabilidade privada.
Obras do POS
Ademais, a Xunta de Goberno deu luz verde a dous expedientes de licitación de obras, que contan con financiamento do POS da Deputación. Dunha banda, a rexeneración do pavimento do Camiño Real de Piñeiro, no Eixo, cun orzamento base da licitación de 60.726,83 € (IVE incluído). Doutra, a pavimentación da rúa de San Roque en Laraño, por 115.454,27 euros.
Relación de postos de traballo
A Xunta de Goberno acordou a aprobación definitiva da Relación de Postos de Traballo (RPT) logo da súa exposición pública. O documento incorpora as modificacións derivadas dos acordos da Mesa Xeral de Negociación sobre condicións retributivas do persoal da Policía e de Bombeiros e do cadro de persoal aprobado cos orzamentos para 2026.
A portavoz municipal sinalou que durante o período de exposición pública formuláronse 18 alegacións e que foron aceptadas catro delas, relativas a denominacións de postos ou requisitos de titulación.
Adxudicación do SAF
Tamén se aprobou a adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) á empresa Os Ventos por un importe total de 14.548.763,32 euros.
A oferta da adxudicataria deixa o prezo unitario de cada hora en 24,99 € (IVE incluído) e o importe anual en 7.274.381,66 euros. “Agora hai un prazo de 15 días hábiles para para posibles recursos e un mes posterior para asinar o contrato”, explicou Míriam Louzao.
Outros asuntos
Outorgáronse tres seguintes licenzas de obra maior: para a rehabilitación integral dunha vivenda unifamiliar na rúa do Castrón Douro, 23; para o acondicionamento dunha vivenda na rúa do Barrio de Guadalupe, 22; e para a construción dunha nave na rúa de Estremadura, 7.
No tocante ás subvencións, aprobouse a conta xustificativa presentada pola Fundación Monte do Gozo sobre o desenvolvemento do programa contra o consumo de cocaína, por importe de 45.000 euros. Tamén a xustificación do convenio co IES Rosalía de Castro para o financiamento do bacharelato internacional por 6.208 euros.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.