· O programa de Envellecemento Activo do Concello de Bergondo incorpora a xardinería terapéutica como unha proposta que combina natureza, aprendizaxe, estimulación e convivencia entre as persoas participantes.
O Concello de Bergondo continúa desenvolvendo as actividades do seu Programa de Envellecemento Activo cunha moi boa resposta das persoas participantes. Entre as propostas deste curso destaca a actividade de Xardinería Terapéutica, unha iniciativa que está a funcionar moi satisfactoriamente e que permite achegar os beneficios do contacto coa natureza ás persoas maiores do municipio.
A actividade desenvólvese nas instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo, cuxa disposición e colaboración están a ser fundamentais para facer posible esta experiencia. O Concello quere agradecer expresamente a súa boa acollida e a súa vontade de abrir as portas das súas instalacións á veciñanza de Bergondo, facilitando que as persoas participantes poidan descubrir e aproveitar un espazo de gran valor formativo, ambiental e divulgativo que, malia estar no propio municipio, continúa sendo en boa medida descoñecido para unha parte da poboación.
Na xornada de hoxe tivemos a oportunidade de coñecer de primeira man o desenvolvemento da actividade e comprobar a implicación, o interese e o entusiasmo das persoas participantes. Nun ambiente de colaboración e aprendizaxe compartida, están a traballar coa terra, coñecendo diferentes especies vexetais, preparando substratos, realizando sementeiras e aprendendo técnicas de cultivo e coidado das plantas.
Pero esta actividade vai moito máis alá da aprendizaxe de técnicas de xardinería. A súa dimensión terapéutica reside precisamente na capacidade de utilizar o contacto coas plantas e coa natureza como ferramenta para favorecer o benestar integral das persoas.
O traballo coas plantas contribúe á estimulación das capacidades cognitivas, sensoriais e motrices, favorece a concentración, a atención e a memoria, e permite desenvolver habilidades como a planificación, a paciencia e a responsabilidade. Ao mesmo tempo, ofrece oportunidades para expresar emocións, reducir o estrés e experimentar a satisfacción que produce observar como medran e evolucionan os froitos do propio traballo.
Cómpre destacar tamén a dimensión social da proposta. As sesións convértense nun espazo de encontro no que compartir coñecementos, intercambiar experiencias, colaborar e establecer relacións. As persoas participantes non só aprenden, senón que tamén achegan os seus propios saberes, lembranzas e experiencias relacionadas co cultivo, as plantas e os coidados da terra. Un intercambio de coñecementos e memoria que pon en valor a experiencia vital das persoas maiores.
A xardinería terapéutica representa, así, unha forma práctica e enriquecedora de promover un envellecemento activo, participativo e saudable, ofrecendo alternativas que conectan a actividade física e mental co lecer, a creatividade e a convivencia.
Desde o Departamento de Servizos Sociais do Concello de Bergondo considérase fundamental impulsar propostas que non se limiten a ocupar o tempo libre, senón que xeren oportunidades reais de participación, aprendizaxe, autonomía e mellora da calidade de vida. Actividades como esta permiten recoñecer as capacidades das persoas maiores, favorecer o seu protagonismo e crear espazos nos que sentirse activas, útiles e acompañadas.
Esta experiencia demostra tamén a importancia de establecer colaboracións entre institucións e aproveitar os recursos existentes no propio territorio. Abrir espazos, compartir coñecementos e achegar os recursos locais á cidadanía permite enriquecer a programación municipal e crear novas oportunidades de participación comunitaria.
O Concello de Bergondo continúa apostando por un modelo de envellecemento activo que sitúa as persoas no centro das políticas sociais e que entende a participación, a convivencia e o benestar como elementos esenciais para construír unha comunidade máis inclusiva, saudable e comprometida con todas as idades.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.