· Na vía que une Cangas coa glorieta de Gandarío, canalizarase unha escorrentía superficial que causou danos na calzada.
· O proxecto tamén inclúe a reposición das redes de saneamento e abastecemento afectadas en Cangas, así como a reparación do firme no lugar de Curros (Cortiñán).
O Concello de Bergondo acaba de sacar a licitación un proxecto para reparar os danos no firme detectados en dous puntos da rede viaria municipal. A actuación, que conta cun orzamento de 66.528,04 euros financiados a través do remanente de tesourería municipal, centrarase en solucionar un afundimento na estrada que une Cangas coa glorieta de Gandarío, e en reparar outra incidencia deste tipo no lugar de Curros, na parroquia de Cortiñán.
No caso de Cangas, o afundimento do firme está provocado polo paso dunha escorrentía superficial que verte no Rego de Gandarío e que cruza baixo a vía municipal. Para atallar o problema de raíz e protexer a estrutura da estrada, o proxecto contempla a canalización destas augas ao longo de 64 metros mediante un novo tubo de formigón de 800 milímetros de diámetro, incluíndo a execución dos emboquilles, arquetas e pozos de rexistro necesarios para conectala á rede de pluviais.
As obras requirirán tamén repoñer os servizos afectados. Así, renovarase a rede de saneamento adaptando o seu trazado nun tramo de 56 metros con novas tubaxes e pozos, e repoñeranse las catro acometidas existentes. De igual modo, aproveitarase a intervención para renovar a rede de abastecemento na zona de actuación. Unha vez finalizados estes traballos, procederase á reposición completa do firme afectado en Cangas.
O proxecto complétase cunha actuación idéntica prevista no lugar de Curros (Cortiñán), onde se reparará un tramo de estrada que sufriu un afundimento.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.