Sunday 15 de November de 2026

Carballo reivindica a figura de Syra Alonso nunha xuntanza co investigador Conrado J. Arranz, que vén de recuperar as súas memorias


No aniversario do pasamento de Syra Alonso, falecida o 15 de novembro de 1970 no exilio mexicano, Carballo reivindica a memoria dunha escritora cunha voz literaria e unha traxectoria propias que merecen ser coñecidas. A súa vinculación co municipio, a forza coa que afrontou a represión e o exilio e a necesidade de visibilizar o papel das mulleres centraron o encontro que vén de manter o alcalde, Daniel Pérez, co investigador e académico Conrado J. Arranz.

A visita permitiu avanzar na futura presentación en Carballo de El mar tenía un amargo sabor a lágrimas. Memorias (1937-1945), publicado por Alvarellos Editora. Arranz, responsable da edición, acudiu acompañado por Carmen García-Rodeja, docente, investigadora, representante da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) en Galicia e unha das autoras dos textos introdutorios do volume. Na xuntanza participaron tamén varios concelleiros e concelleiras.

O rexedor destacou a admiración que lle provoca a figura da escritora: “Fascíname a forza de Syra: para buscar ao seu home, para sacar adiante os seus fillos no exilio e para escribir sobre todo o que viviu. Que a súa voz chegue hoxe ata nós é tamén froito desa forza. En Carballo temos unha responsabilidade especial de contribuír a que se escoite e se coñeza”, apuntou Daniel Pérez.

A relación de Syra Alonso con Carballo está marcada polo asasinato do seu marido, o pintor Francisco Miguel, en 1936, e polo seu soterramento en Bértoa. A escritora comezou a redactar as súas memorias en Galicia en 1937 e continuounas en México, onde se exiliou cos seus tres fillos. Nelas deixou constancia da violencia, da perda e do desarraigamento, nun relato que reúne valor literario e testemuño histórico.

A recuperación desa memoria une tamén o traballo de Conrado J. Arranz e Carmen García-Rodeja. Esta última participou na investigación sobre as vítimas soterradas no cemiterio de Bértoa, onde a ARMH recuperou en 2023 os restos de Francisco Miguel e doutros tres represaliados. Á súa implicación na investigación e na divulgación da historia de ambos súmase agora a súa contribución aos textos introdutorios das memorias.

A nova edición incorpora arredor de 200 páxinas inéditas, a partir dos manuscritos localizados por Arranz en México e conservados pola familia. Estes materiais permiten afondar na vida de Syra, nas súas inquedanzas e na súa escrita, e contribúen a recoñecela como unha voz propia da literatura do exilio.

Durante a conversa abordouse tamén a necesidade de ampliar a mirada sobre a emigración e o exilio para recoñecer o protagonismo das mulleres. As súas experiencias, os seus traballos e as súas achegas quedaron con frecuencia nun segundo plano, malia o papel que desempeñaron no sostemento das familias, na vida das comunidades e na transmisión da memoria.

A traxectoria de Syra ofrece tamén un exemplo de solidariedade. Segundo as investigacións de Arranz, durante a súa vida en México chegou a vender obras de Francisco Miguel para axudar á comunidade de Veracruz coa que convivía. Unha faceta que permite coñecer mellor unha muller que, mesmo despois de sufrir a represión e a perda, mantivo o seu compromiso coas persoas que a rodeaban.

Antes de rematar a visita, Arranz deixou un exemplar dedicado ao Concello. Na dedicatoria evocou a relación emocional da escritora con Carballo e a súa esperanza de reencontro con Francisco Miguel, cun desexo que dá sentido á futura presentación: “Para que Syra vuelva a su tierra”.

Carballo acollerá proximamente ese regreso a través das súas palabras, cun acto que permitirá achegar a súa obra á veciñanza e seguir recuperando unha memoria que forma parte da historia do municipio.

Deja un comentario