Saturday 14 de November de 2026

Mercedes Rosón propón reactivar UNINOVA e crear un fondo capital-risco “Santiago Impulsa” para reforzar o crecemento empresarial


• A concelleira identifica no salto dos 6 aos 25 traballadores o principal “cuello de botella” do tecido produtivo compostelán, segundo os datos do Primeiro Barómetro Empresarial presentado por Grupo Fisela e Santiago en Vivo.

• Rosón adianta dúas medidas estruturais do seu programa económico: unha axencia municipal de acompañamento ás pemes e un fondo público-privado para investir en empresas innovadoras.

Mercedes Rosón adiantou este sábado as primeiras liñas do programa económico co que as Non Adscritas concurrirán as vindeiras eleccións, logo de participar na presentación do Primeiro Barómetro Empresarial de Santiago e a súa Área de Influencia, presentado por Grupo Fisela e Santiago en Vivo. Un estudo que, segundo a candidata á Alcaldía, pon datos a unha realidade que o tecido produtivo compostelán leva tempo trasladando: empresas dinámicas, con vontade de medrar, pero que perciben dificultades para desenvolver todo o seu potencial e gañar dimensión.

“Temos un tecido produtivo dinámico que quere medrar, pero o 60 % das nosas empresas sente que Santiago perdeu peso económico fronte a outras cidades galegas e o 81 % cre que o noso peso empresarial non está recoñecido en Galicia”, sinala Rosón, que considera que este diagnóstico contrasta coa ausencia dun proxecto económico propio por parte do Goberno municipal.

O salto dos 6 aos 25 traballadores, o gran reto empresarial

Na lectura que fan as Non Adscritas do Barómetro identifican onde se atopa un dos principais problemas para o desenvolvemento empresarial: o paso das pequenas estruturas a compañías de maior dimensión. O tramo de empresas de entre 6 e 10 traballadores é o que peor valora a súa situación actual, mentres que o de 11 a 25 empregados presenta o único saldo negativo de todo o estudo nas previsións de contratación.

Rosón identifica neste proceso o verdadeiro “cuello de botella” da economía compostelá. “En Santiago nacen boas iniciativas, pero cando chegan arredor dos 10 traballadores e precisan escalar, profesionalizarse ou buscar financiamento, as institucións déixanas soas e atópanse cun muro. E ao mesmo tempo, non estamos retendo o talento que formamos na USC”, advirte.

Para dar resposta a esta situación, Rosón adiantou no encontro empresarial as dúas primeiras medidas estruturais do seu programa económico, orientadas a acompañar as empresas nese salto de crecemento e facilitarlles o acceso ao financiamento.

UNINOVA: do viveiro de empresas ao acompañamento para medrar

A primeira proposta pasa por reactivar e reformular UNINOVA, a sociedade mixta entre o Concello de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela, para ampliar as súas funcións e convertela nunha verdadeira axencia municipal de acompañamento empresarial. A intención é que deixe de ser unicamente un viveiro de novas iniciativas e dea apoio tamén ás empresas que xa están en funcionamento e necesitan medrar.

Esta nova orientación incluiría servizos de titorización directiva, asesoramento financeiro e acompañamento na procura de espazos e instalacións para as pemes que afrontan o paso dos 6 aos 25 empregados. “UNINOVA ten que deixar de ser só un viveiro onde nacen empresas e pasar a ser unha verdadeira axencia municipal de acompañamento na crise de crecemento”, defende Rosón.

“Santiago Impulsa”: investimento para reter talento e emprego cualificado

A segunda medida é a creación de “Santiago Impulsa”, un fondo municipal de capital risco con participación pública e privada, inspirado no modelo de Lugo Transforma. A proposta contempla mobilizar remanentes municipais xunto con investimento privado para entrar temporalmente no capital de startups, spin-offs da USC e pequenas e medianas empresas innovadoras vinculadas a sectores estratéxicos.

Rosón subliña que non se trataría dun programa de subvencións, senón dun instrumento de investimento produtivo que permita acompañar proxectos empresariais con capacidade de crecemento e retorno económico para a cidade. “Non é subvención a fondo perdido: é un investimento coa condición innegociable de fixar sede e emprego cualificado en Santiago”, explica.

O mecanismo permitiría que, unha vez recuperado o capital investido, os recursos volvesen destinarse a novos proxectos empresariais, creando un instrumento de financiamento con vocación de continuidade e capacidade para apoiar sucesivas xeracións de empresas innovadoras.

Un programa económico para diversificar e fortalecer a cidade

Xunto a estas dúas ferramentas, Rosón avanzou outras liñas de actuación que formarán parte do seu programa económico e de diversificación industrial. Entre elas figuran a creación dunha Xanela Única Empresarial e a implantación das entidades urbanísticas de certificación para axilizar a tramitación de licenzas de embergadura empresarial, o reforzo do propio departamento municipal de Urbanismo, a promoción de vivenda en dereito de superficie destinada a traballadores, a dobre convocatoria anual dos Bonos Corazón e o desbloqueo dos 420.000 metros cadrados de solo industrial previstos no PXOM xunto a Finsa, vinculados ao desenvolvemento do Orbitaliño.

“Son medidas nas que levamos meses traballando e que iremos detallando polo miúdo proximamente”, conclúe a concelleira, que considera que Santiago precisa pasar dun modelo centrado en acompañar o nacemento de empresas a unha verdadeira política pública que facilite o seu crecemento, a consolidación de emprego cualificado e a retención do talento.

Deja un comentario